O Comité de Empresa permanece no edificio, en Vigo, demandando un compromiso firme de recolocación, dende que o 31 de decembro pechou a factoría.
Amelia Vila, presidenta do Comité de Empresa da antiga Valeo.
Os oito membros do Comité de Empresa da multinacional Valeo que saíu do país, pechando a súa sede n'O Porriño, o último día do ano pasado, están a ocupar a sede do Clúster da Automoción (CEAGA), en Vigo, demandando un compromiso firme de recolocación.
Dende o 2 de xaneiro, acoden puntualmente aos seus postos de traballo, nas quendas que lles corresponden, mais sen terque facer, polo que piden que a Xunta e as empresas implicadas na súa recolocación lle poñan fin a esta situación canto antes.
As consecuencias do peche de Valeo
En 2005 a multinacional de cableado para automóbiles, Valeo, anunciou o seu peche e informou aos seus traballadores e traballadoras que só tiñan até o 31 de decembro de 2008 para continuar coa actividade no Porriño, porén, prometeulle ao seu persoal unha reindustrialización, coa que conservarían os seus postos de traballo.
En xaneiro de 2007 comezaron as visitas doutras empresas, interesadas en mercar a sede da compañía de cableado para automóbiles, pero non saíron adiante. En setembro de 2007 a empresa Calorigen presentou unha oferta firme, mais segundo o Goberno, non tiña suficiente fiabilidade para ofrecerlle traballo aos 160 empregados que Valeo tiña naquela altura. En marzo dese mesmo ano, a Xunta presentaba o que denominaban un proxecto definitivo que aseguraría o futuro do persoal: 58 traballadores e traballadoras, así como a metade do material gardado na nave do Porriño, habían ir para o Grupo Viza. Os 92 traballadores e traballadoras que quedaban, e a outra metade do material e da nave pasarían á empresa Cablerías Auto, a través dun proxecto de I+D+i, no que participaba a Xunta -nun 10%-, a través do Igape. Mais este proxecto nunca se concretou, e aos empregados de Valeo ofrecéuselles, cando pechou a multinacional, o pasado 31 de decembro, unha indemnización de 20 días por ano traballador e un máximo de 12 mensualidades.
Estes 92 traballadores seguen indo, dende o pasado 2 de xaneiro, ao seu posto de traballo nas quendas que lles corresponden, mentres continúan coas mobilizacións. O pasado domingo manifestábanse ás portas do mitin que protagonizaron Ourense o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero; e esta terza feira, dende as 11:00 horas, permanecen ocupando o Clúster -acompañados de sindicalistas da CIG-, coa intención de conseguir reunirse co seu presidente, Antonio Vega, quen tamén é o presidente do Grupo Viza, a outra parte que participou no reparto ao peche de Valeo.
A Xunta, de árbitro a principal responsábel no conflito
Segundo lle contou a Vieiros Amelia Vila, a presidenta do Comité de Empresa, "a Xunta é a responsábel desta situación, por meterse en negocios cuns cacos", sinalou, referíndose á empresa Cableados Auto, onde se habían recolocar estes 92 traballadores, após elaborar un plan industrial que nunca se fixo. De feito, a pelota permanece no tellado da Consellaría de Traballo, quen asumiu, no mes de decembro pasado, o compromiso de chamar a todas as partes para negociar o futuro destes 92 empregados. O seu papel non é unicamente o de árbitro, xa que o Goberno ten parte no accionariado da empresa, polo que lle corresponde un protagonismo activo na negociación, ante a incomparecencia dos dirixentes empresariais.
"Deste acordo non saíu aínda nada, porque nada había. Valeo era unha multinacional moi poderosa, e o que este empresario quería era quedar coa súa parte, e non danar a súa imaxe. Non houbo recolocación porque non quixeron, nin a Xunta nin esta empresa; todo foi un argallo entre eles", concluíu Vila.