Case un cento de traballadores de Cableados Auto marcharán de vacacións o vindeiro 19 sen saber se poderán volver ao traballo.
Os traballadores de Cableados Auto, anteriormente Valeo, botáronse á rúa este martes para exixir unha inmediata solución para o seu futuro laboral. A súa dramática situación parte da formulación dun expediente de regulación de emprego e extinción de contratos por parte da empresa co obxectivo de pechar a fábrica, situada no Porriño, o vindeiro 31 de decembro por "fin de actividade". A pelota agora está no tellado da Consellaría de Traballo, quen asumiu o compromiso de chamar a todas as partes para negociar o futuro destes 92 empregados (e 14 en excedencia). O seu papel non é unicamente o da arbitraxe, xa que a Xunta de Galiza conta co 10% do accionariado da empresa, polo que lle corresponde un protagonismo activo na negociación. Ante a incomparecencia dos dirixentes empresariais, os traballadores teñen todas as súas esperanzas, que son poucas, depositadas na administración galega.
Unha historia que vén de atrás
O conflito remóntase até xullo, cando Cablerías Auto e Talleres Viza se repartiron a propiedade do Grupo Valeo no Porriño, así como os 150 traballadores do cadro de persoal. Foi un acordo acadado entre a Xunta, o comité de empresa e os sindicatos. Evitábase así o peche da industria de rede de cables, a Xunta anunciaba a súa participación no 10% do accionariado da nova empresa con 600 mil euros (a través da sociedade de capital risco XesGalicia) e agardábase o deseño dun plan industrial que definiría o seu futuro. A cuestión é que, co paso do tempo, aquel plan non se chegou a elaborar e o futuro dos traballadores segue, a día de hoxe, no aire.
Segundo explica Amelia Vila, presidenta do Comité de Empresa, "o que se agocha tras destes movementos é o interese de Cableados de especular coa nave da fábrica, que ocupa 17 mil metros cadrados". Ante esta situación, na manifestación deste martes dirixíronse até o concello do Porriño. Alí conseguiron o compromiso do alcalde, Raúl Francés (BNG), para estar especialmente vixiante sobre o futuro da nave situada no polígono das Gándaras e para incluír nun pleno unha moción de apoio aos traballadores.
Poucas esperanzas
"Enganáronnos unha e outra vez", di Amelia Vilas, quen asegura que "xa estamos moi decepcionados coa Xunta, coa empresa e con todas as promesas que nos fixeron chegar". O vindeiro día 19 os traballadores marcharán de vacacións sen saber que pasará á súa volta polo que agardan unha resposta nos vindeiros días. "Temos o compromiso de Traballo de que convocará unha xuntanza con todas as partes implicadas e agardamos que sexa pronto: aquí teñen que mover ficha porque xa nos enganaron moitas veces". Sobre as expectativas que teñen para a solución do conflito, Amalia é moi clara: "son negativas".