As concentracións de repulsa á operación militar do Exército israelí e en solidariedade co pobo palestino volvéronse repetir este domingo.
Médicos do hospital de Shifa trasladan dous cativos mortos
Polo menos 526 persoas morreron e máis de 2.450 resultaron feridas na Faixa de Gaza dende o pasado 27 de decembro, cando comezou a ofensiva militar israelí, segundo informaron este luns fontes médicas citadas pola axencia palestina de noticias Maan. Ademais, o diario israelí Haaretz asegurou, citando fontes da ONU, que unha cuarta parte das vítimas mortais eran civís.
A ofensiva causou na noite do domingo ao luns, no seu décimo día consecutivo, a morte de polo menos 18 palestinos, case a metade nenos. Desde que comezou a operación terrestre, este pasado sábado, morreron 86 palestinos.
As forzas israelís intensificaron os seus ataques ao longo da noite contra as vivendas de varios líderes de Hamás. Tamén, bombardearon a casa de Jamil Mizhir, dirixente da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), no campo de refuxiados de An Nuseirat, e a facultade de Ciencias Políticas da Universidade Al Umma, na cidade de Gaza.
Aínda que segundo Israel, o Exército advertiu os civís dos ataques, o certo é que varias zonas residenciais do barrio de Zaytun foron bombardeadas. Entre outros, seis membros dunha familia con tres cativos morreron. Tamén, unha nena de cinco anos resultou morta e a súa nai gravemente ferida.
Mentres, intensifícanse os esforzos diplomáticos para conseguir un cesamento do fogo. O presidente de Francia, Nicolás Sarkozy, desprázase a Oriente Próximo para manter xuntanzas con diversos líderes da zona. Ademais, por outra banda, un representante de Hamas anunciou que unha delegación desta organización podería viaxar a Exipto co mesmo fin.
Novas concentracións
En Galiza continúan as concentracións de repulsa á operación militar israelí e de solidariedade co pobo palestino en varias cidades do país. Unha das máis numerosas tivo lugar este domingo en Vigo. Contou coa presenza de grupos árabes e islámicos, así como caras coñecidas da cultura e da política galega, entre outras, Uxía Blanco, Morris, Xosé Luís Méndez Ferrín, Camilo Nogueira, e Xosé Manuel Beiras. En total, participaron no acto arredor dun milleiro de persoas.
Máis información: