A entrada da artillaría no territorio da Faixa xa se saldou con máis de 30 palestinos, a maioría civís, e un soldado israelí mortos.
Continúan os combates no interior da Faixa de Gaza entre forzas israelís e palestinas despois de que o exército de Israel lanzase a súa ofensiva terrestre no territorio, a última hora do sábado. Máis de 30 palestinos, os máis deles civís, morreron dende o comezo dos enfrontamentos. O exército israelí recoñeceu a morte dun dos seus soldados este domingo, ademais doutro en estado grave.
As tropas e os tanques abríronse paso por Gaza, partindo o territorio costeiro en dúas partes e rodeando a cidade principal ao tempo que se foi aumentando a ofensiva devastadora contra Hamás. O exército está a empregar disparos de tanques, artillaría e aviación para protexer o avance dos seus soldados, o que provocou a morte de varias decenas de civís.
Os novos falecementos elevan a cifra de vítimas na Faixa de Gaza por riba das 500 dende o 27 de decembro. Segundo fontes oficiais da ONU e palestinas, hai máis de cen civís entre os mortos. Os habitantes da cidade de Gaza refuxiáronse nas casas, mentres que os de outras zonas fuxiron. As zonas urbanas do norte xa están ocupadas polas forzas israelís, que están a facer rexistros casa por casa.
Os ataques israelís deixaron boa parte da poboación sen electricidade, sen comunicacións e sen auga, aínda que moitos fixeron acopio de líquido á espera de poder superar o tempo dos ataques.
Segundo fontes sanitarias de Gaza, entre os mortos hai unha nena de 12 anos, cinco membros dunha familia, oito civís asasinados por proxectís de tanque na cidade de Beit Lahiya, ao norte, e un condutor de ambulancia.
Nas súas primeiras declaracións públicas sobre a operación, o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, dixo que Israel non vai consentir que a súa cidadanía siga a ser albo dos foguetes lanzados dende Gaza, e engadiu que o goberno fixera «todo o posíbel antes de decidir ir adiante coa operación», que cualificou de «inevitábel».
A escalada de mortes en Gaza provocou múltiples condenas. O secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon amosou a súa «preocupación e desgusto» con Olmert e fixo un chamamento á «fin inmediata» da operación. Tamén se sumaron ás condenas o goberno francés, que pediu sen éxito unha tregua de dous días, e dende Exipto, Turquía e Xordania, estados musulmáns con vínculos con Israel. O presidente palestino, Mahmud Abbás, cualificou a invasión israelí de «agresión brutal».
Tamén se produciron manifestacións en todo o mundo, con especial incidencia nos países árabes. En Cisxorndania, tropas israelís mataron a disparos un mozo palestino de 20 anos que se manifestaba contra o ataque a Gaza. O exército dixo que as tropas estaban a reprimir unha manifestación violentas e que dispararon contra o mozo cando tentaba saltar a fronteira de Cisxordania con Israel.
Máis información: