O sábado á tarde están previstos novos actos pacíficos de repulsa perante o Marco e mais na Praza Maior de Lugo.
Máis de 200 persoas concentráronse outra volta este venres perante o Museo de Arte Contemporáneo (Marco) de Vigo para manifestar o seu rexeitamento aos ataques cometidos por Israel contra o pobo palestino. A pesar da chuvia, os cidadáns acudiron portando unha faixa co lema "Galiza con Palestina".
No decurso do acto gardouse un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas e leuse un comunicado lamentando que a paz en Gaza parece "cada vez máis lonxe e só se poderá converter en realidade cando sexan respectadas a soberanía e a independencia dos países de Oriente PÅ•oximo e atendidas as lexítimas reinvindicacións históricas do pobo palestino".
Así mesmo, fíxose un chamamento a toda a sociedade para que exprese a súa "profunda e activa repulsa contra este masacre" ao tempo que esixiron "o inmediato cesamento dos bombardeos e a suspensión das hostilidades". Tamén demandaron a imposición de sancións internacionais contra o estado de Israel, así como a suspensión de toda relación económica e diplomática polo seu "reiterado incumprimento dos mandatos da ONU", tendo en conta que "os bombardeamentos contra obxectivos civís están tipificados como crimes de guerra pola convención de Xenebra".
Na concentración participaron, entre outras persoas, os concelleiros do BNG de Vigo María Méndez e Xavier Alonso; a secretaria comarcal de organización da CIG, Pracer Vila; o secretario comarcal de CC.OO en Vigo, Xosé Comeselle; a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila; o responsábel de Galiza Nova en Vigo, Adrián Rodríguez; o delegado da fronte polisario en Galicia Ahmed Mojtar; e a responsábel comarcal do BNG, Manuela Rodríguez.
O sábado á tarde, nova convocatoria
Para o sábado 3 ás 19 horas está convocada unha nova concentración diante do Marco. Segundo indicou un dos convocantes do acto e coordinador de Arxentinos no Exterior, Lois Pérez Leira, o acto presentarao a actriz Uxía Blanco, que dará lectura a un texto que tamén se proclamará en árabe.
Faranse soar varias pezas de violín e Moncho Iglesias lerá un poema do escritor palestino Darwix, que tamén se lerá en árabe grazas a unha conexión en directo con Palestina. O son amplificarase para que o poida escoitar todo o público.
A organización confía en concentrar entre 300 e 400 persoas, máis dun cento delas de orixe árabe. O lema do acto é "Galiza con Palestina Stop terrorismo sionista". Entre os colectivos convocantes figuran Movemento pola Base (BNG), Esquerda Unida (EU), Fronte Popular Galega, Nós-UP, BRIGA, Nova Esquerda Socialista, o Colectivo Vigués 'Memoria do 36', a Federación Galega de Asociacións de Inmigrantes, Arxentinos no Exterior, Asociación Marroquí de Pontevedra, Comunidade Islámica en Galicia (Mesquita Mohamed), a Mesquita de Vigo, a Asociación Multicultural sen Fronteiras de Pontevedra, a Asociación Galega de Amizade coa Revolución Bolivariana (AGARB), e o Partido Comunista da Galiza. Segundo precisou Pérez Leira, tamén manifestaron a súa adhesión a CIG e Encontro Irmandiño.
Outra concentración terá lugar en Lugo. Diversas asociacións fan un apelo de urxencia á cidadanía para que acuda ás 18 horas á Praza Maior, diante do concello, para amosar a súa repulsa por unha operación militar que vulnera a legalidade e as resolucións das Nacións Unidas.