As análises efectuadas por voluntarios na primavera e no outono tamén detectaron unha peor saúde dos bosques de ribeira.
A iniciativa Proxecto Ríos, promovida por Adega, detectou un empeoramento da saúde das correntes de auga do país durante 2008. O informe, que recolle o estado dos ríos, baséase en análises efectuadas durante a primavera e o outono por grupos de voluntarios e ten tamén en conta a calidade do bosque de ribeira.
O informe 2008, que se poderá descargar dende a web de Proxecto Ríos, amosa que a saúde dos treitos analizados era bo maioritariamente, cun 51 por cento na primavera e un 58 por cento no outono. Porén, incrementáronse os tramos con síntomas de deterioración, deficientes ou graves, con respecto ao informe de 2007.
A regresión no estado de saúde dos ríos tradúcese tamén nun empeoramento do estado do bosque de ribeira. As marxes analizadas nas últimas dúas campañas teñen cada vez máis alteracións importantes, malia que dende Adega apuntan que aínda é posíbel facer unha rexeneración dos factores que causan as alteracións e asegurar a continuidade destes bosques.
As zonas máis afectadas son tramos dos ríos Sar, Rois e Currás, na conca das Rías Baixas; Sil, Lonia e Forxá, no Miño; Magalofes, Mesoiro e Da Pedra, no Arco Ártabro; no Limia ao seu paso por Xinzo na conca limiá, e nun tramo do río Xunco na Vertente Cantábrica.
Así mesmo, o Proxecto Ríos volveu colaborar este ano co Ministerio de Medio Ambiente cun campamento de voluntariado ambiental no río Tea para a erradicación de especies exóticas invasoras. Nese campamento, que tivo lugar en outubro, participaron preto de 90 persoas e retirouse máis dunha tonelada de cinco especies exóticas invasoras vexetais. En maio volverase facer unha saída de recoñecemento.