Co inicio do curso académico o Proxecto Ríos comeza a campaña de outono. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadania o mantenemento e a mellora dos ríos proporcionanado as ferramentas que garantan a súa participación.
Xa a partires do 1 de setembro os grupos que están a participar no Proxecto Ríos estanse achegando ao seu río para facer a inspección. Terán até o día 15 de outubro, data de remate a citada campaña. Cos datos recollidos este outono, e xunta cos da campaña de primavera realizarase o Informe Anual do Estado de Saúde dos Ríos Galegos, informe que se presentará o vindeiro 15 de decembro.
Por outra banda, este 22 de setembro, terá lugar na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, (Vilagarcía de Arousa). as
VI XORNADAS DE FORMACIÓN de coordenadores/as de grupo do Proxecto Ríos. Nestas xornadas pretendemos incidir como cada ano no recoñecemento dos macroinvertebrados, especies fundamentais no noso traballo por ser bioindicadoras. E para os/as que xa participaron en anos anteriores, afondaremos en novos ámetos.
Alo longo destes meses a programaranse saídas formativas con distintas entidades como centros de ensino de primaria e secundaria, concellos,
AMPAS, grupos ecoloxistas, etc. As saídas formativas consisten en realizar roteiros polo río escollido desenvolvendo e explicando aos participantes no Proxecto Ríos a metodoloxía e o desenvolvemento do programa. Nas saídas explícanse de maneira didáctica os pasos a seguir para que cada grupo de voluntarios/as poida logo desenvolver o programa autónomamente.
Finalmente, e como novidade nesta campaña de outono en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente e dentro do programa de Voluntariado en Ríos, celebrarase durante os fins de semana do mes de outubro un
CAMPAMENTO DE VOLUNTARIADO no río Tea. Neste campamento realizarase unha análise e diagnose do estado de saude dos treitos alto, medio e baixo do Tea empregando a metodoloxía do Proxecto Ríos. O voluntariado terá cubertos os gastos de desprezamento, aloxamento e manutención.