O Goberno designa a ex deputada do PSdeG para un cargo que ben pode significar un paso cara á transferencia de Tráfico, ou ben o xeito de a manter en 'impasse' sen que avance.
O Parlamento pediu unanimemente a transferencia de Tráfico
O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira a designación de Natividad González Laso como Comisionada para a Seguridade Viaria de Galiza. Esta figura, dependente da Consellaría de Política Territorial, será o órgano superior do Goberno neste ámbito.
As funcións previstas van dende a coordinación das estratexias de seguridade nas estradas coas distintas administracións públicas, até a planificación de campañas de concienciación, a avaliación das estratexias de seguridade viaria e a formación e investigación neste eido.
O grao de cumprimento destes obxectivos -por si sós, non determinantes na loita contra os sinistros nas estradas do país- estará supeditado ás decisións reais e executivas que o Estado tome, xa que este é o que segue a ter a competencia en Tráfico que lla continúa a negar a Galiza.
Hai pouco máis dun mes a ministra española de Administracións Públicas, Elena Salgado aseguraba que antes de fin de ano estarán transferidas as competencias pendentes en materia cultural e educativa, mais que non está prevista a cesión de Tráfico nin a curto nin a medio prazo.
A comisionada, xa que logo, ben podería ser "o xerme das futuras competencias que nesta materia poida asumir a Xunta", tal e como apuntan dende a consellaría; "un instrumento organizativo potente" que vai permitir coordinar un asunto "de máxima prioridade para a acción do Goberno", como afirmou logo do Consello o presidente Emilio Pérez Touriño.
Ou ben a súa función, ademais de ficar simplemente na xestión do Plan de Seguridade Viaria 2006-2010, podería levar a que a transferencia reclamada por unanimidade no Parlamento fique en impasse infinito. Transferencia que, ademais, vai estreitamente vinculada ao despregamento da Policía Galega.
Natividad González Laso (Xinzo de Limia, 1953) é licenciada en Xeografía e Historia e conta con varios posgraos en Desenvolvemento Territorial e Planificación e Desenvolvemento Local. Ademais, foi deputada polo PSdeG durante a VI lexislatura (2001-2005).