Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tráfico recada dez veces máis do que inviste

Multas a esgalla mentres desatenden a seguridade viaria

A DXT rabuñou dos petos galegos algo máis de 32 millóns de euros en 2007. No mesmo período, e malia os recoñecidos déficits na rede de estradas, só investiu 3,1 millóns no ámbito da seguridade viaria

Redacción - 12:15 25/08/2008

Vai para un ano que lles contamos do balance 2001-2005 dos ingresos en Galiza da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), un total de 173 millóns de euros. No mesmo período, a DXT recoñecía ter investido no país tan só un 15% desa cantidade.

Agora, e en resposta outra vez a unha pregunta do BNG no Congreso, chegan os datos de 2007, treito no que os ingresos debidos a infraccións en materia de tráfico sumaron en Galiza 32,07 millóns de euros para as xefaturas provinciais de tráfico. Paradoxalmente, neses doce meses o investimento que Tráfico realizou en materia de seguridade viaria quedou en apenas 3,1 millóns de euros. Por riba, e malia que a recadación aumentou nos últimos tres anos en case 5 millóns de euros, nese período a inxección para a seguridade viaria minguou en 300 mil euros, malia que estudos como o do Real Automóbil Club (RACC) indican no informe do último ano que Galiza ten unha rede viaria con alto risco de sinistralidade. De feito, a última análise recolle que case o 30% dos tramos analizados amosaron unha probabilidade elevada ou moi elevada de sufrir un accidente grave, porcentaxe até un 10% por riba da media estatal.

Coa transferencia de tráfico paralizada
O voceiro do Bloque no Congreso, Francisco Jorquera, criticou que estas cifras coincidan coa tema do goberno español en frear o traspaso á Xunta das competencias en materia de tráfico e seguridade viaria. Jorquera cualificou de "inadmisíbel" a situación, recordando ao tempo que Galiza mantén un dos índices máis elevados do Estado en sinistralidade viaria, o goberno español recoñeza que reduce o investimento para loitar contra esa tendencia.

O deputado do BNG insistiu en que Galiza necesira unha policía propia que poida darlle resposta á problemática do tráfico en Galiza atendendo ás diferenzas con respecto a outros puntos do Estado. Repasou Jorquera que a dispersión poboacional, a densa rede de estradas secundarias, os trazados sinuosos, numerosos cruces e travesías, alta porcentaxe de poboación no rural, elevada pluviosidade e orografía accidentada, requiren dunha estratexia específica en materia de seguridade viaria.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: