O voceiro parlamentario en Xustiza e Interior do PPdeG, Xesús Palmou, di ser pesimista despois dos últimos pronunciamentos públicos chegados do goberno español.
Xesús Palmou interpreta que de confirmárense "os temores" Galiza seguirá sendo "a única comunidade histórica que careza de policía autonómica propia". O deputado do PpdeG queixouse esta fin de semana de que, ademais da indiferenza do goberno español, o propio conselleiro de Presidencia se teña amosado publicamente en datas recentes a prol de "manter o actual esquema", cunha unidade adscrita á policía estatal. Recorda ademais que o ministro de Interior afirmou que o seu departamento non apoiará a creación de novas policías que se sumen ás tres que existen no Estado (os Mossos d'Escuadra, en Cataluña; a Ertaintza, en Euskadi; e a Policía Foral, en Navarra). Segundo Palmou, o PSOE "argalla unha manobra" para impedir que Galiza teña o seu propio corpo de seguridade.
De paso, o voceiro de Interior do PPdeG no Parlamento, e tamén ex conselleiro de Xustiza, recordou que o goberno do PP creou en 1992 a Academia Galega de Seguridade, iniciativa que Palmou considera "un paso fundamental" cara á futura policía galega. Ademais, o ex conselleiro acusa ao actual Goberno de "tirar pola borda o proxecto de lei e os restantes trámites que deixara ultimados o anterior executivo do PPdeG para crear esa unidade na actual lexislatura".
Aproveitou ademais Xesús Palmou para recordar o freo que en Madrid o goberno español lle impuxo á transferencia de competencias en materia de tráfico malia o consenso parlamentario en Galiza. Así, o deputado popular conclúe que estas dúas cuestións serían exemplo da "escasa vocación autonomista dos socialistas galegos" aos que acusa de votar "unha cousa aquí e outra en Madrid" e ao "nulo peso político de Emilio Pérez Touriño no PSOE estatal.