Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A crise séntese en Galiza

Seguen as protestas dos traballadores do téxtil

Na Praza da Igreza de Lalín concéntranse 260 empregados de Montoto, porque hai dous meses que non cobran. Ao tempo, os sindicatos rexeitan os 120 despedimentos de Caramelo.

Redacción - 13:00 28/11/2008

Esta sexta feira na Praza da Igrexa de Lalín (Deza), ás 20:00 horas, hanse xuntar os 264 empregados de Montoto para denunciar a súa situación: até esta terza feira, debíanlles a nómina de outubro, que xa foi pagada por enteiro, e non ao 60% que propuña a empresa, mais aínda faltan as horas extras e a incerteza de saber se este mes van cobrar ou non. Apoiados polos tres sindicatos maioritarios en Galiza (UXT, CCOO e CIG), van exixir tamén a continuidade da empresa, que está a piques de mudar de xerencia.

A firma lalinense, que é líder do sector téxtil estatal nos xéneros de punto (coa marca homónima e con Boxley, alén de traballar para empresas coma Lacoste ou Cortefiel), presentou, a comezos deste mes, un proceso concursal -a antiga suspensión de pagos-, nos xulgados mercantís de Pontevedra, desculpándose nas perdas que lles estaba a ocasionar a actual crise financeira. A comezos desta semana coñecíase que a familia Montoto, creadora da marca, afastábase da xestión, ficando só como accionista. Nuns días entrará un novo xestor, alleo á familia, que traballará para poñer en marcha un novo plan de viabilidade.

"Salvar o textil é salvar o Deza"
Este é o lema que se pode ler nos carteis cos que os traballadores de Montoto empapelaron a vila de Lalín e os seus arredores, buscando a implicacón, nesta mobilización, dos traballadores das cinco cooperativas que producen para a firma e da xente do municipio. Non en van, tras a construtora Proinsa, Montoto é a empresa que máis empregos xera na comarca do Deza.

Neste momento, e segundo os sindicatos, urxe o apoio social, non só para demandarlle á empresa información sobre como marcha o proceso concursal ou o cobro do cento por cento das nóminas atrasadas, senón para facer unha chamada ás entidades financieras e aos acredores xudiciais, xa que deles depende que Montoto conte, canto antes, cun plan de viabilidade. Porén, dende os sindicatos, aínda non teñen claro se a empresa está realmente afectada pola falta de liquidez, un dos efectos da crise financeira, ou ben todo o proceso fai parte dunha serie de manobras encamiñadas a reducir o cadro de persoal, e seguir a fabricar fóra de Galiza.

Os sindicatos protestan polos 120 despidos anunciados por Caramelo
No sector téxtil galego tamén hai outra empresa que está nunha situación de incerteza, a coruñesa Caramelo. Os sindicatos con representación no Comité de Empresa, CIG e CCOO, amosaron o seu rexeite, esta quinta feira, ao plan de despedimentos e baixas que debullan os novos accionistas maioritarios, a Xunta e Manuel Jove, a través da sociedade Inveravante. Este plan podería afectar a 120 traballadores dun cadro de 850 empregados.

Agardando polo plan de viabilidade que a empresa lles vai presentar a vindeira segunda feira, o Comité non está de acordo coa contundencia das medidas anunciadas, e exixe coñecer as contas da compañía e saber como se desenvolveu o proceso de deslocalización a terceiros países. Ademais, sinalan que o plan de viabilidade non recolle a posibilidade de tramitar un ERE (Expediente de Regulación de Emprego), senón baixas incentivadas ou prexubilación, o que cualifican coma unha "fraude".

Na actualidade traballan 400 persoas nos obradoiros da Coruña. O ano pasado as perdas da empresa cifráronse en 20 millóns de euros.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: