A empresa acolleuse á Lei Concursal, e pretende manter o seu cadro de persoal. Os sindicatos desconfían de que poida tratarse dun proceso de despedimentos encubertos.
Esta cuarta feira sóubose que a empresa de Lalín, Montoto, líder do sector téxtil estatal nos xéneros de punto (coa marca homónima e con Boxley, alén de traballar para empresas coma Lacoste ou Cortefiel), presentaba un proceso concursal -a antiga suspensión de pagos-, nos xulgados mercantís de Pontevedra.
A empresa ten traballando directamente para ela unhas 250 persoas, e perto doutras 200 en talleres auxiliares que dependen da súa marca, alén de varias plantas deslocalizadas en países do Leste de Europa. A empresa revelou, na tarde da cuarta, que só dispón de fondos para pagarlle aos seus empregados nos vindeiros dous meses. O acontecido en Montoto é un dos primeiros grandes golpes que a crise financeira lle pega ao téxtil no noso país.
Os problemas da falta de liquidez
Ao parecer, a presentación do proceso concursal foi debida a unha falta de liquidez á que se enfrontaba a empresa lalinense. Os responsábeis da firma levaban varias semanas negociando con acredores, entidades financeiras e o Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), mais finalmente tiveron que acollerse a esta figura. A situación, aseguran, é debida a actitude receosa dos bancos, mais non á falta de carga de traballo, que revelan segue a ser elevada, aínda que descendesen, no actual contexto, as vendas.
A familia Montoto, que fundou esta empresa hai máis de 30 anos, asegura que se vai esforzar para salvar os postos de traballo que dela dependen, e que confía na viabilidade do grupo. Porén, todo pasa por atopar activos que axuden a pasar esta situación. É a primeira empresa do téxtil que se acolle a unha concursal na comarca do Deza, onde xa pasaron por esta situación varias empresas do sector da construción, coma Proinsa, Ibaser, e, posibelmente, Prodezco.
Os sindicatos desconfían
A situación que está a atravesar a empresa creou receo nos sindicatos. Dende a CIG ven o anuncio feito por Montoto con cautela e desconfianza, xa que teñen a certeza de que hai un grupo de compañías que se está a aproveitar do contexto xeralizado de crise financeira para facer despedimentos encubertos, e non saben aínda se é isto o que está a acontecer na empresa de xéneros de punto.