Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dous anos coa iniciativa paralizada

Zoupadas da crise no téxtil mentres permanece paralizado o proxecto de clúster

Os principais colectivos empresariais non se poñen de acordo e a Xunta deixa de momento o proxecto no caixón.

A. Rodríguez - 09:00 03/11/2008

"Moda galega", velaí a marca que se tentou vender durante anos e que fala da industria galega do téxtil como creadora de calidade, e cunha forte identidade de prestixio. Dende a Consellaría de Industria seguen a falar da necesidade de darlle pulo á marca propia e única, alén de agrupar os obradoiros e empresas en asociacións, creando un Clúster do Téxtil que pelexe polos intereses do sector. Pero a creación deste Clúster leva dous anos paralizada, sexa pola gran diferenza existente entre o tamaño das firmas que compoñen o sector, ou sexa pola reticencia á cooperación nun terreo no que pesa tanto o deseño.

Unha situación que chega nun contexto actual onde dende as empresas falan de falta de apoio por parte do Goberno, contra a deslocalización e fronte á competencia, que medrou considerabelmente, sobre todo a asiática, dende a liberación de aranceis. De xeito concreto, as dúas grandes asociacións empresariais do sector en Galiza non se dan posto de acordo para sentar os alicerces do Clúster do Téxtil. Un paso que desde a Xunta admiten que pode ser clave para darlle pulo a un dos sectores máis potentes da economía galega. Por outro lado, dende os sindicatos falan da necesidade de pór en marcha un Plan de Apoio ao Téxtil, que xa funciona noutras comunidades do Estado Español, para que o volume de negocio deste sector se vexa reflectido nunha mellora da situación laboral dos seus traballadores.

Un proxecto dous anos parado
O sector téxtil en Galiza é moi heteroxéneo. Hai grandes grupos coma Inditex e pequenos talleres case artesanais que pouco coinciden nos seus obxectivos ou demandas. Porén, segundo Eva Ben, da Asociación Téxtil de Galicia (Atexga) a patronal ten vontade de traballar na creación desta gran asociación de empresas do sector téxtil mais a cousa "vai paseniño, e con pausa, analizando os tipos de empresas do sector".

Doutra banda aparece a idea da "marca galega". Trátase dunha iniciativa especialmente destacada desde a Xunta nalgunhas ocasións, como forma engadida para reactivar o sector. A intención inicial de Industria era potenciar a unión de pequenos e medianos talleres baixo unha marca única e fomentar unha rede propia de distribución. No entanto, a xerente de Atexga ve complicada a súa creación, avaliando que é "bastante difícil que se posicione na mente dos consumidores. Co que se debería traballar e co servizo que fan os obradoiros como auténtica marca de calidade". Na altura de comezos de 2007, Industria traballaba coa previsión de ter listo antes daquel verán o borrador do clúster, subliñando o seu potencial "dinamizador".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: