Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lento avance da sensibilización social

Contra a violencia machista, outro marco social, laboral e económico

Colectivos diversos unen voces este martes no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, subliñando as eivas pendentes nesta loita.

Redacción - 14:00 25/11/2008
No muro, debuxados os corpos das mulleres vítimas da violencia machista en 2007, en todo o Estado / Flickr: alduntza

No muro, debuxados os corpos das mulleres vítimas da violencia machista en 2007, en todo o Estado / Flickr: alduntza

No que vai de ano, tres mulleres faleceron en Galiza asasinadas polas súas parellas. No conxunto do Estado suman xa 57 mortes similares. A Organización Mundial da Saúde (OMS) avisa de que a violencia de xénero é a primeira causa de perda de anos de vida entre as mulleres de 15 a 44 anos.

"A orixe está na repartición desigual do poder que segue caracterizando a sociedade". Así analizan desde UXT-Galicia o problema da violencia de xénero que permanece na sociedade. Unha situación que, advirten desde este sindicato, "frea no seu conxunto o desenvolvemento dunha sociedade democrática". Por este motivo, a UXT solicita que se faga un esforzo especial para a especialización das persoas que atenden ás mulleres vítima da violencia machista desde o momento en que realizan as súas denuncias. Doutra banda, CCOO-Galicia apunta que existe un "déficit claro" na aplicación da lexislación contra a violencia de xénero e eivas fundamentais na formación do sector xudicial, axentes das forzas de seguridade e profesionais sanitarios.

Medidas concretas no ámbito da negociación colectiva, coa intención de protexer e amparar as vítimas de violencia nos seus postos de traballo. É unha das iniciativas que a Confederación Intersindical Galega (CIG) salienta con motivo desta xornada. Por outro lado, destacan desde a CIG a idea da coeducación como "ferramenta global e valiosa" para responder ao problema da violencia de xénero é un dos desafíos expostos desde a CIG, indicando que o sistema escolar non é neutro, senón que "reproduce o sexismo e androcentrismo da nosa sociedade". Por ese motivo, chaman desde a CIG a facer especial esforzo desde o ensino en favor do desenvolvemento integral das persoas "sen estereotipos nin roles que nos empobrecen e limitan". Un esforzo coeducador que, advirten, non é tarefa a levar só a cabo desde as escolas.

A historia atrás desta xornada de reivindicación
Hai medio século, un 25 de novembro de 1960, foron atopados os corpos das irmás Mirabal: Patricia, Minerva e María Teresa. Foran torturadas e asasinadas a golpes por axentes policiais ao servizo do ditador dominicano Leónidas Trujillo. O motivo: o seu traballo activo a prol da liberdade política e en favor dos dereitos das mulleres. Vinte anos máis tarde, o primeiro foro feminista de Latinoamérica, celebrado en Colombia, decidiu declarar o 25 de novembro como Día Internacional Contra a Violencia Machista. Unha reivindicación que en 1999 fixo súa a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a través dunha resolución presentada daquela pola República Dominicana co apoio de ducias de gobernos de todo o mundo.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: