Arredor de 300 persoas concéntranse fronte ao edificio da Xunta en Vigo, de onde tiveron que evacuar dúas mulleres en ambulancia.
Cordón policial / Foto: Zélia Garcia
A tentativa de ocupar o edificio da Xunta en Vigo por parte dos traballadores do sector da limpeza (a maioría traballadoras) viuse truncada esta cuarta feira pola actuación policial. Axentes de seguridade da delegación gobernamental avisaron os membros antidisturbios da Policía, despregados na cidade por mor da terceira xornada de folga indefinida, da intención dos manifestantes, uns 300.
O que comezou como un forcexo rematou cunha carga. Dúas mulleres tiveron que ser evacuadas do lugar en ambulancia, unha a consecuencia dos golpes recibidos ao caer ao chan e outra debido a que, segundo testemuñas presentes, "comezou a convulsionar". A situación enervou o ánimo dos presentes que coreaban lemas como Violencia non! ou Policía culpábel!. Ademais, os axentes identificaron un varón, o que acusan de agresión.
O delegado da Consellaría de Traballo, Pedro Borrajo, convidou os representantes dos traballadores a entrar no edificio. No entanto, segundo as propias fontes sindicais, a negociación está completamente parada. Os sindicatos convocantes do paro no sector, UXT, CIG e CCOO, exixen as melloras no convenio comprometidas nun preacordo que asinaron hai varios meses coa patronal.