Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enfrontamento armado no centro do continente

A primeira guerra global africana?

Roberto Mansilla, do Igadi, analiza en profundidade todas as claves para comprendermos o conflito no Congo.

Roberto Mansilla Blanco - 12:30 15/11/2008

A posibilidade de expansión rexional da guerra interna e da actual crise humanitaria na República Democrática do Congo, inicialmente provocada por factores de índole étnico e político, recoloca no taboleiro de África Central toda unha serie de intereses xeopolíticos e económicos de multinacionais e gobernos rexionais, traducidos no control dos recursos minerais deste país.

As recentes imaxes de centos de miles de desprazados das zoas de conflito na República Democrática do Congo (RDC), antiga Zaire, dan a entender a irresolución política dun conflito que, durante cinco anos (1998-2003) enfrontou a diversas milicias internas de orde étnico e político, tanto como actores externos traducidos nos seus países limítrofes: Ruanda, Angola, Namibia, Cimbabwe e Uganda.

Neste sentido, aumenta a posibilidade de rexionalización do conflito congolés, especialmente tralo recente anuncio do goberno angolano de enviar tropas para apoiar ao goberno de Joseph Kabila e ás súas milicias da etnia Hutu, que loitan contra as milicias rebeldes da etnia Tutsi dirixidas polo seu xefe Laurent Nkunda, un pastor evanxélico de 41 anos que mantén unha forza de aproximadamente 6.000 efectivos armados. Este líder rebelde xustifica a súa loita como un intento por defender aos Tutsis da repetición das matanzas realizadas polos Hutus en Ruanda, entre 1994 e 1995, onde foron asasinadas 900.000 persoas.

Nkunda, ex membro do Exército Patriótico Ruandés (EPR) e quen xa se rebelara en armas contra o poder central congolés en 1998, ten o apoio do presidente ruandés Paul Kagame, acusado por Kabila de financiar e armar aos rebeldes Tutsis. Con Angola meditando a posibilidade de enviar tropas de apoio ao goberno de Kabila e Ruanda presuntamente apoiando ao líder rebelde Nkunda, queda practicamente establecida a rexionalización do conflito da RDC dentro do contexto xeopolítico de África Central.

As milicias ao mando de Nkunda teoricamente habíanse desarmado tralos acordos de paz auspiciados pola ONU no 2003, pero a partir de xuño de 2004 retomaron a súa posición estratéxica na cidade de Bukavu, capital da rexión de Kivu do Sur, rica en minerais especialmente o coltán.

A guerra do coltán

Esta rexión oriental congolesa conserva o 80% das reservas mundiais do coltán, esencial para a telefonía móbil, o cal deu paso á chegada de diversas multinacionais como Nokia, IBM, Siemens, Ericsonn, Sony, Bayer, Intel e Hitachi, entre outras, establecendo na rexión de África Central, con centro na RDC, un mercado ilegal paralelo, con alto custe humano.

A importancia do coltán para as multinacionais deu paso á reprodución na RDC dos clásicos procedementos de negocios realizados polas transnacionais: negociación co goberno central ou, no seu defecto, coas milicias armadas que controlan a rexión oriental de Kivu, a fin de establecer as súas prioridades de explotación mineral. A ex secretaria de Estado estadounidense Madeleine Albright chegou a afirmar que a loita polos recursos minerais de Kivu podería converterse na “primeira guerra mundial africana”.

Neste sentido, e con gran presión das multinacionais, EEUU e Europa occidental ven apoiando ao goberno de Kabila, a tenor das concesións realizadas por este goberno a empresas como a canadense Barrick Gold Corporation, a estadounidense American Mineral Fields (da que o pai do actual presidente Bush é accionista) e a sudafricana Anglo-American Corporation.

A maior parte do coltán extraído de Kivu ten como destino EEUU, Alemaña, Bélxica e Kazajstán. Paralelamente, existe un conglomerado de empresas reunidas nunha estrutura empresarial rexional, a Sociedade Mineira dos Grandes Lagos (SOMIGL), constituída con capital belga, sudafricano e ruandés, que están repartíndose as cotas de explotación do coltán desde 2000. Estas empresas mixtas estadounidenses, europeas e sudafricanas, principalmente, contribúen financeiramente ao mantemento da guerra en Kivu.

Incluso, a ONU chegou a denunciar a participación de mandatarios rexionais, como o ruandés Kagame, nos negocios de explotación dos recursos minerais de Kivu vías empresas mixtas financeiras. Neste sentido, a ONU pediu o embargo destas transaccións.

A traxedia congolesa

Cunha poboación de 60 millóns de habitantes e un territorio superior ao de Europa Occidental, a RDC é o país territorialmente mais grande da África subsahariana. Atopase no corazón principal da África Central, preto da estratéxica rexión dos Grandes Lagos.

Trala formación dun goberno transitorio derivado da celebración dunhas eleccións presidenciais en 2003, as primeiras realizadas en 40 anos e que foron gañadas polo ex xefe guerrilleiro Joseph Kabila, a RDC comezou a experimentar un determinado nivel de pacificación, apoiado polo emprazamento de cerca de 19.000 tropas da ONU, os comunmente coñecidos como “cascos azuis”. Esta é a maior misión militar da ONU no mundo e a mais custosa financeiramente, cun orzamento anual de mil millóns de dólares.

Non obstante, as secuelas da guerra recolocaron a este país entre os casos mais graves de crise humanitaria a nivel mundial. Rico en minerais como ouro, diamantes, bauxita, aluminio, cobre, cobalto, uranio, zinc e coltán, así como con determinadas reservas de gas e petróleo, a RDC presenta un dramático cadro humano, traducida nun avance das enfermidades e a fame, da existencia de cinco millóns e medio de mortos produto da guerra, así como millón e medio de desprazados internos e medio millón aos países veciños.

Do mesmo xeito, existen unhas 40.000 mulleres superviventes de abusos sexuais e unhas 850.000 persoas desprazadas na rexión oriental de Kivu Norte, un dos principais escenarios das recentes confrontacións armadas. Desde que recomezara a guerra en agosto pasado, calcúlanse en mais 250.000 o número de desprazados internos, sen coñecerse o paradoiro de 50.000 deses desprazados.

Dentro deste crítico panorama humano, aínda non se coñece con exactitude o número de “nenos da guerra” que participan neste conflito. O cruel recrutamento de menores de idade aumenta coa perspectiva de proliferación de grupos armados e a ineficacia da autoridade estatal en determinadas rexións. Tan só en 2005, as autoridades congolesas e a ONU lograron desarmar a case 3.000 deles.

Aínda resulta complicado determinar as causas da renovación do conflito armado na rexión de Kivu Norte e Sur, fronteiriza con Ruanda, Burundi e Uganda. Esta rexión posúe o interese estratéxico de albergar as maiores reservas de minerais da RDC. Nesta rexión, o goberno central de Kabila mantense en guerra coas milicias rebeldes do Congreso Nacional pola Defensa do Pobo (CNDP), comandadas polo xeneral Laurent Nkunda, quen se abroga a potestade de manter o seu dominio e loita para defender á comunidade étnica Tutsi dos ataques dos rebeldes Hutus provenientes de Ruanda.

A rebelión da CNDP en agosto pasado permitiu que os Tutsis lograran rodear a cidade de Goma, capital da rexión de Kivu Norte, o cal daba crédito á gravidade do conflito congolés e d a posibilidade real da súa internacionalización.
O goberno de Kabila acusa a Nkunda e o CNDP de recibir tropas e artillería pesada de Ruanda. Paralelamente, en agosto pasado, Nkunda denunciou ao goberno de Kabila por subscribir un acordo de $5 miles de millóns con China para o acceso aos recursos minerais da rexión de Kivu, especialmente o ouro e o coltán.

Do mesmo xeito, o exército da RDC é acusado de armar aos rebeldes Hutus, a fin de manter afastados aos Tutsis e á CNDP do control dos recursos minerais de Kivu. O mosaico étnico da RDC completase coa existencia de comunidades Mai Mai e Bambuti, moitos deles mesturados cos Tutsis e Hutus. Paralelamente, no conflito interno na RDC participan outros 20 grupos armados menores, completamente atenazados e desorganizados.

Os problemas da ONU

Un factor a considerar está establecido en que, con case 19.000 soldados apostados nese territorio baixo o mando da misión MONUC, a ONU amosa unha notoria incapacidade política e militar para evitar os enfrontamentos armados e a manifestación dunha grave crise humanitaria.

A actuación da ONU semella estar mais ben determinada polas decisións do goberno de Kabila, que negase a establecer contactos con Nkunda e a CNDP, a quen acusan de “terroristas”. O propio Kabila ordenou no 2005 o arresto de Nkunda, acusado de “crimes de guerra”. Velaí que as milicias de Nkunda loitan tanto contra as tropas de Kabila e as milicias Hutus, como contra as tropas da MONUC, escenario que pode aumentar o caudal de violencia no caso de que as tropas angolanas finalmente entren na RDC para apoiar ás tropas gobernamentais de Kabila.

Dentro desta crítica conxuntura para a ONU, queda patente a desidia de diversos países para a provisión de medios loxísticos destinados a fortalecer as súas tropas e repeler a avanzada das milicias de Nkunda, tal e como denunciou recentemente o xefe da MONUC, o español Vicente Díaz de Villegas, pouco antes de dimitir. Incluso, evidenciáronse rivalidades políticas internas, determinadas pola composición nacional das súas tropas.

Os continxentes indio e paquistaní conforman o maior grupo de tropas da MONUC, con case 8.000 efectivos. Neste sentido, en determinados aspectos militares da misión, diversos efectivos paquistanís rexeitaron ser comandados por xefes indios, e viceversa. Esta incongruencia de funcións e a manifestación de rivalidades políticas internas debilitou á MONUC, propiciando un mellor avance das milicias de Nkunda. Actualmente, a ONU estuda a posibilidade de enviar outros 3.000 “cascos azuis” á RDC.

Tampouco vén sendo efectiva a misión enviada pola Unión Europea nin os intentos da Unión Africana por reunir a Kabila e Kagame nun cumio de paz. O avance das milicias de Nkunda e o seu control dos accesos ás estratéxicas cidades de Goma e Bukavu está determinando un cambio substancial no mapa político e militar congolés, con clara referencia a tomar posicións estratéxicas que lle permita, eventualmente, ser incluído como actor político primordial para a resolución do conflito.

Neste sentido, Nkunda está logrando conformar o CNDP non só como unha milicia armada de gran envergadura senón cun compoñente político e civil considerable dentro do mapa político congolés. Algúns deputados dos partidos opositores Movemento de Liberación do Congo (MLC) e Reunión Congolesa pola Democracia (RCD) están amosando posición de achegamento a Nkunda e o seu programa político nacional, claramente determinado pola súa pretensión de acabar co goberno de Kabila, a quen acusa de “traizón á patria”.

A consecuencia, e ante a posibilidade de que a súa rebelión finalmente triúnfe coa toma do poder en Kinhasha, Nkunda envía outro reto a Kabila, á ONU e os seus aliados, coa conformación dunha especie de “goberno paralelo” composto por 12 ministerios, preparados para a toma do poder e á aplicación do seu programa político.

A balanza en África Central

Non obstante, e ante a negativa de Kabila a negociar con Nkunda a pesar das reclamacións deste para sentarse a negociar co goberno congolés, a diplomacia internacional e bilateral entrou en acción, con resultados aínda incertos.

O presidente ruandés Paul Kagame anunciou a súa intención de levar a cabo unha serie de negociacións con Kabila en Nairobi (Quenia), contando co apoio de Francia e Gran Bretaña. Deste xeito, Kagame busca tamén unha alternativa diplomática e política que evite verse involucrado nas acusacións que se verten na súa contra desde Kinshasa, capital da RDC, por estar apoiando a Nkunda e a CNDP.

A pesar da ambigua posición de Ruanda en torno ao conflito congolés, para o presidente ruandés Kagame resulta esencial manter unha estreita relación con Kabila, especialmente ante imperativos de equilibrio rexional e para afastar as acusacións de ser o actor externo detrás da inestabilidade da RDC.

En 2007, a RDC e Ruanda asinaron un acordo para a repatriación a este último país de milicias da Forza Democrática de Liberación de Ruanda (FDLR), conformada por rebeldes Hutus ruandeses, que operan desde Kivu Norte. Ruanda, dominada por Tutsis, comprometeuse así a non apoiar á CNDP nin á FDLR.

A pesar de asinarse en xaneiro pasado un acordo de desmilitarización e desmobilización dos grupos armados que operan en Kivu Norte, a renovación das tensións e a frustración por non alcanzar un acordo político aumentan o caudal de violencia na RDC. Se ben o recente cese ao fogo establecido por Nkunda o pasado 29 de outubro deixou aberta todo tipo de posibilidades, a explosión dunha crise humanitaria considerada pola ONU e diversas ONGs como “grave” aumenta o caudal de calamidades para a poboación civil.

Esta crise congolesa estoupa na atención internacional xusto no momento en que é elixido en EEUU un presidente con orixes africanos, como é o caso do demócrata Barack Obama. Asumindo o seu goberno o próximo 20 de xaneiro de 2009, Obama deberá medir con eficiencia o impacto que a crise congolesa posúe para a estabilidade de África Central, dentro dun marco de actuación que suporía amosar colocar como prioridade para a súa política exterior o compromiso de estabilización e desenvolvemento de África.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: