Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
11, 12 e 13 DE DECEMBRO, CONGRESO EN TUI

O ano de Álvarez Blázquez dura todo o ano

Os meirandes expertos na figura do autor e editor reuniranse nun encontro organizado por Méndez Ferrín, Axeitos, Darío X. Cabana e Sánchez Bargiela.

M.S.P. - 19:25 13/11/2008

Estamos demasiado afeitos a que as celebracións do Día das Letras Galegas se concentren ao redor do 17 de maio e as semanas previas. Así é case todos os anos, de xeito que a partir de maio o autor homenaxeado cae das axendas informativas, e son escasos os actos que se organizan para o estudo da súa obra ou a súa figura. O propio Celso Álvarez Cáccamo afirmaba en maio nunha entrevista en Vieiros que "Eu non concibo o Día das Letras como concentración acelerada de esforzos até un día no que desce de forma brusca, á marxe de que o 17 se concentren unha serie de actos simbólicos. Non creo que un autor deba ser condenado a un ano e un día. A xente que comprende isto sabe que non debera acabar aquí".

Son moitas as ocasións, igualmente, nas que se bota a faltar a celebración dun congreso de investigación que afonde no coñecemento da persoa á que se dedica o recoñecemento, alén da publicación de libros illados ou da realización de homenaxes. O pasado ano, cubriuse en parte este baleiro coa organización en decembro no Consello da Cultura dunha mesa redonda sobre María Mariño.

Non vai ser así con Álvarez Blázquez. Tui acollerá os días 11, 12 e 13 de decembro un congreso sobre Xosé María Álvarez Blázquez, que será coordinado por Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Xosé L. Axeitos e Rafael Sánchez Bargiela. Trataranse as múltiples facetas profesionais e persoais de Álvarez Blázquez, tanto o seu labor como editor, arqueólogo ou historiador, como a súa obra literaria. E no congreso participarán importantes expertos como Xosé Ramón Barreiro, Manuel Forcadela, Manuel Bragado, Víctor Freixanes, Ana Acuña ou Carlos García Martínez. A asistencia ao encontro, que se celebrará no Teatro Municipal e no que colaboran a Consellaría de Cultura, a Real Academia e o propio concello tudense, está limitada a uns cen inscritos.

Programa
11 de decembro
10.00. Conferencia inaugural a cargo de X.L. Méndez Ferrín: "A literatura galega interpretada por Xosé María Álvarez Blázquez".
10.45. Comunicacións: "Achega da familia Álvarez á construción do país" (Alfonso Álvarez Cáccamo, Alfonso Álvarez Gándara e Emilio Álvarez Rei).
16.30. Relatorio de Eduardo Méndez Quintas: "Reflexións en voz alta sobre o labor arqueolóxico de X. M. Álvarez Blázquez".
17.00. Comunicacións: "Álvarez Blázquez, editor" (Víctor Freixanes e Manuel Bragado).
18.15. Debate conxunto.

12 de decembro
10.00. Relatorio de X. R. Pena: "X. M. Álvarez Blázquez, canonizador e investigador da nosa literatura".
10.30. Relatorio de X. R. Barreiro Fernández: "A obra histórica de Álvarez Blázquez".
11.30. Conferencia de Rafael Sánchez Bargiela: "X. M. Álvarez Blázquez e a súa familia: un corazón aberto na vella cidade tudense".
12.00. Mesa Redonda: "O coleccionismo" (Méndez Ferrín, Carlos Pérez-Fonterosa, J.M. González Troncoso, Ernesto Iglesias Almeida)
13.00. Roteiro X. M. Álvarez Blázquez
16.30. Relatorio de Manuel Forcadela: "A narrativa galega de X. M. Álvarez Blázquez".
17.00. Comunicacións: "X. M. Álvarez Blázquez e a arqueoloxía da resistencia" (Carlos García Martínez e Fernando Acuña Castroviejo).
18.15. Debate conxunto.

13 de decembro
10.00. Relatorio de X. M. Álvarez Cáccamo: "X. M. Álvarez Blázquez: A paixón das orixes".
10.30. Comunicacións: "X. M. Álvarez Blázquez: Unha voz propia e honrada" (Ana Acuña, Ramón Nicolás e Carlos Bernárdez).
12.00. Debate conxunto.
13.00. Conferencia de clausura de Darío Xohán Cabana: "X. M. Álvarez Blázquez, editor revolucionario".


Ligazóns

4,5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: