Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CELSO ÁLVAREZ CÁCCAMO

"Para el a cultura non era un traballo de francotiradores, por moi talentosos que fosen, senón unha construción colectiva"

Celso Álvarez Cáccamo fala sobre a relación que mantivo seu pai co galeguismo histórico, e mesmo con Portugal e a Lusofonía.

Marcos S. Pérez - 11:34 18/05/2008
Celso Álvarez Cáccamo

Celso Álvarez Cáccamo

Celso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1958) é profesor de Lingüística na Universidade da Coruña. É o segundo fillo máis novo de Álvarez Blázquez e colabora habitualmente en Vieiros. Está preparando unha compilación de estudos, publicados e inéditos, de Álvarez Blázquez. Trátase de investigacións literarias, etnográficas e filolóxicas, realizadas polo seu pai durante décadas, así como breves apontamentos sobre Rosalía ou Castelao. Están tamén actas de congresos, un estudo sobre vilancicos galegos, e textos escritos e lidos por Álvarez Blázquez na emisión galega da BBC. Co libro, que sairá publicado por Laiovento proximamente acompañado dun CD de audio no que se poderá escoitar a voz de Álvarez Blazquez nunha conferencia.

De todos os eidos nos que traballou Álvarez Blázquez, é o da investigación o menos estudado?

Polo momento si, seguramente porque é un traballo moi laborioso reunir artigos e textos publicados en moitos lugares, e moito máis se están inéditos. Con isto non digo, por suposto, que sexa doado reunir textos literarios. Quero valorar, especialmente, o volume de estudos de literatura medieval que será publicado por José Martinho Montero Santalha, a compilación de traballos de arqueoloxía realizada por Eduardo Mendez. e un volume sobre Álvarez Blázquez e Tui preparado por Rafael Sánchez Bargiela.

Os fillos estabades implicados no traballo do voso pai? Tíñavos ao tanto do que facía: dos libros, as investigacións, a editorial? Ou separaba a vida familiar e o traballo?
Cada un de nós tivemos experiencias distintas co noso pai, por ter nacido con varios anos de diferenza. Non é a mesma relación a que tivo Pepe que a que tivo Berta. En xeral o traballo do noso pai sempre estivo moi presente. Eu fun con el en varias ocasións á procura de artefactos históricos ás Gándaras de Budiño, e nese sentido coñecía o seu interese arqueolóxico mais tamén o literario, claro. Despois tamén tiven moito contacto co seu labor editorial, pois nos meus anos da adolescente traballei de forma temporal en Castrelos, con el.

Que lingua falabades na casa?
Nós falabamos español na casa. A partir do bacharelato eu comecei a falar galego. Pero o galego si formou parte da nosa educación e estaba presente, sobre todo na escrita, tanto no traballo cultural coma no político, por exemplo cando meu pai comeza a colaborar no MSG e, máis adiante, mais simbólica que efectivamente, no PG.

Que relación tiña teu pai co grupo dos chamados 'galeguistas históricos'? Non sei se ti chegaches a vivir aqueles veráns en Coruxo...
Si, claro, en Coruxo coincidiamos no verán con todos os amigos de meus pais, e lembro ter relación de pequeno e adolescente con Celso Emilio Ferreiro, con Francisco Fernández del Riego, toda esa elite cultural e creativa que se xuntaba alí.

Pregúntocho tamén polas diferenzas que puido ter co grupo Galaxia, sobre todo pola competencia que podía exercer con Castrelos...
A ver, meu pai era un galeguista cultural. Non era unha persoa de partido porque non había partidos, pero tivo sempre unha ideoloxía política moi marcada, definida polo seu desexo de acadar unha sociedade "democrática e culta", como di nun escrito inédito, unha sociedade libre, cunha visión moi ampla da liberdade. En realidade sempre se fai unha falsa división entre galeguismo cultural e político, cando Galaxia tamén foi e é un proxecto político. En certo modo meu pai facía parte dese proxecto cultural, mais dunha forma independente e persoal. Por exemplo, foi un dos primeiros accionistas de Galaxia. Pero Galaxia e Monterrey primeiro, ou Castrelos despois, tiñan filosofías moi distintas, eran vías paralelas dun proxecto concorrente. E claro que había competencia entre elas, porque existía unha sociedade de mercado

Molestoulle a teu pai a actitude de Galaxia no proceso de compra de Castrelos?
Meu pai era maior, e os fillos, que andabamos todos a outras cousas, non estabamos en disposición de continuar coa editorial. E meu pai quería deixar a editorial, que era un traballo moi duro. E daquela tivo dúas ofertas, unha de fóra, que lle ofrecía máis cartos, e unha galega, a de Galaxia, que lle ofrecía menos. E meu pai elixiu a de Galaxia por lealdade cultural. Ademais, Castrelos, nos anos oitenta, nun contexto social e económico distinto, talvez acabase por perder o seu sentido. Así que podemos dicir que en parte morreu de morte matada e en parte de morte morrida.

Cres que Álvarez Blázquez non recibiu o recoñecemento merecido como autor?
É que eu non sei que significa iso do 'recoñecemento'; para min non ten que ver con medallas simbólicas e non se xulga por un día, por un ano, é un proceso longo. Así pois, non creo que exista unha 'débeda histórica' con respecto a meu pai. Creo que foi un bo poeta, e que é recoñecido, porque non emprego os mesmos parámetros que adoito se utilizan. Os que teñen unha sensibilidade poética que respecto , como Rodríguez Baixeras, Pepe Cáccamo ou Darío Xohán Cabana, colócano no lugar que eu creo el merece.

Que valoración global fas dos actos e traballos que se están a organizar ao redor da figura e da obra de Álvarez Blázquez nestes meses?
Eu non concibo o Día das Letras como concentración acelerada de esforzos até un día no que desce de forma brusca, á marxe de que o 17 se concentren unha serie de actos simbólicos. Non creo que un autor deba ser condenado a un ano e un día. A xente que comprende isto sabe que non debera acabar aquí.

Hai algún ámbito que está ficando esquecido? E, pola contra, que destacarías?
Como dixen antes, creo que está ficando un algo relegada a faceta investigadora. E do que se leva feito até agora, creo que debe ser salientado todo o traballo que se fai nas escolas, que moitas veces son moi creativos. E moi especialmente o documental realizado por Eloi Caldeiro, que é un tipo de iniciativa que serve para construír redes, un exemplo de cooperación e de construción colectiva da cultura. E que, ademais, está en harmonía coa visión que sempre tivo meu pai, para quen a cultura non podía ser un traballo de francotiradores, por moi talentosos que fosen, senón unha construción colectiva sempre. Por iso considero que estas celebracións poden servir para a formación de redes sociais, posto que a cultura non pode ser o traballo dunhas elites, onde se dea o dominio dunhas maiorías culturais sobre unhas minorías.

Non sei se é o momento de xerar o debate, pero ti a quen proporías para o 2009?
Non vou dicir nome ningún, por varios motivos. Non é o meu papel, pois a decisión compételle a unha institución determinada. O que si vou dicir é que na cultura galega ningún fragmento é prescindíbel; o país non se pode permitir iso. O país non se pode permitir considerar excluír unha visión ideolóxica ou unha visión lingüística sobre o idioma. E se o fai entraría nunha contradición interna gravísima, pois nalgún momento ten homenaxeado a persoas cuxa produción literaria fíxose basicamente en español. Nesta altura, non se trata de quen "teña a razón" na sua visión sobre a lingua; e quen a teña só a historia o determinará.

Como era a relación de Álvarez Blázquez con Portugal e a lusofonía?
Penso que para el ir a Portugal era unha visita a unha outra parte de Galiza, onde non imperaba o fascismo español. Había fascismo, claro, pero non lle afectaba directamente, en Portugal non era o fillo dun asasinado. Para el era un espazo de meirande liberdade, sobre todo no que respecta á produción cultural. E era un espazo de normalidade no idioma común; en Portugal publicaba en galego nas revistas científicas, mentres que en Galiza tiña que facelo en español, por exemplo en 'Cuadernos de Estudios Gallegos'. Había unha relación moi intensa entre os intelectuais galegos e os portugueses, a certos niveis máis intensa do que agora, e con máis normalidade, por exemplo con Manuel Rodrigues Lapa, Hugo Rocha ou Fernando Pires de Lima.


5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: