Entrevistas a Celso e Alfonso Álvarez Cáccamo, reportaxes, vídeos e versións musicais de poemas do autor homenaxeado. Especial de Vieiros Día das Letras.
As Letras 2008 homenaxean o poeta, o investigador, o historiador, o arqueólogo, o editor, e o mestre que foi Xosé María Álvarez Blázquez. Mais fundamentalmente homenaxean o seu traballo calado, silandeiro e continuado a prol da cultura galega: o labor do mediador, imprescindíbel en calquera cultura nacional, que como dinamizador do traballo colectivo serve de nexo e estada de todas as iniciativas.
Por iso este especial presenta contidos tan diversos: entrevistas, vídeos, reportaxes e cancións, que procuran abranguer todos os ámbitos nos que Álvarez Blázquez axudou a construír a cultura galega da segunda metade do século XX. Porque Álvarez Blázquez, ben fose como arqueólogo, ou a través da editorial Castrelos, ou nas escolmas nas que recuperou un inxente corpus literario case que perdido, foi, ao cabo, un buscador de tesouros.
O especial incorpora tamén a descarga de balde dunha edición facsímile do libro Poemas de ti e de min (.pdf), o primeiro poemario escrito por Álvarez Blázquez en galego. Editado en 1949 na Colección Benito Soto, foi o terceiro libro publicado en Galiza na nosa lingua despois da Guerra Civil. Recolle poemas de Xosé María Álvarez Blázquez e do seu irmán Emilio, a maior parte escritos nos anos trinta, mantendo a liña estética da xeración de 1925 (Cunqueiro, Amado Carballo...) e do neotrobadorismo.
Ademais, entrevistas a dous dos fillos de Álvarez Blázquez, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo, videos, cancións, audios, e seis vídeos nos que seis autores novos (María do Cebreiro, Mario Regueira, Oriana Méndez, Diego Ameixeiras, Olalla Cociña e Lorena Souto) len textos propios e ofrecen a súa opinión sobre o Día das Letras.