Buscan ser punto de encontro dun espazo ideolóxico que consideran "pouco atendido" no seo da formación frontista.
Unha proposta de "socialismo xenuinamente galego" que nace coa fin de "reforzar" o BNG. Así o recolle o relatorio ideolóxico do Espazo Socialista Galego (ESG) o novo partido integrado no BNG, desde onde subliñan a vontade de defender a participación activa da militancia na toma de decisións dentro do proxecto común do Bloque. "O único referente político no noso país é o BNG, e de non existir habería que crealo", subliñan.
Representantes do proxecto presentaron este xoves en Santiago a Asemblea Nacional Constituínte que a formación celebrará o próximo sábado, na que o chamado "proceso Espazo Aberto" culminará á fin na formalización do novo partido. Aló estiveron cinco dos membros da comisión xestora: Xoán Carlos Bascuas, Manoel Bello, Begoña Manteiga, Saul Santim e Paulo López. Ao respecto da iniciativa, Xoán Carlos Bascuas explicou que se trata dunha iniciativa que unirá as voces dunha esfera ideolóxica até o de agora "pouco atendida" dentro do BNG. Do mesmo xeito, Bascuas salientou a idea da "pluralidade interna" coa que lembrou que "xa naceu" o BNG e dixo estar seguro de que alén dos cambios puntuais no procedemento das Asembleas o "proxecto común" seguiría fundamentado nun "modelo frentista" que na súa opinión demostrou a súa capacidade de integración da diversidade do espazo nacionalista no país.
Procura de consensos e advertencia contra "as cotas"
No documento que ESG leva á cita do sábado, o partido analiza que é preciso o reforzamento do BNG e os seus organismos facilitando que sexa "cada vez máis autónomo das organizacións que o integran". Porén, o relatorio ideolóxico interno considera que ese reforzo é compatíbel coa "pluralidade inherente" ao Bloque.
Así na opinión, de ESG, o cuestionamento recente do modelo frentista tería a súa orixe na tendencia dos partidos e colectivos integrantes de estabelecer "un modelo de reparto de cotas de xeito desigual entre eles obviando que o que debe primar no BNG é a capacidade política". Xa que logo, entenden desde ESG que a celebración da Asemblea Nacional do Bloque por delegados "reforza" a existencia dos colectivos organizados. "Os distintos partidos deben responder á existencia de distintas visións da sociedade, distintos proxectos ideolóxico-políticos, e non seren simples lobbies para o reparto das cotas nos procesos electorais e a confección dos organismos de dirección", apuntan.