En Panxón estase celebrando semana o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, que organiza a coordinadora galega.
O lema da marcha é 'Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres' e partirá da Praza do Rei ás doce e media. Antes, ás 12 da mañá será construido un milladoiro na Praza do Concello de Vigo coa participación de todas as delegadas dos 48 paises presentes no VII Encontro Internacional da Marcha Mundial.
Quérese con este milladoiro lembrar a construción milenaria de ofrenda ás deusas e aos deuses para facer o camiño protexidas e fortes. Ten reflexo no lema da manifestación que sairá do mesmo lugar de creación do milladoiro: "Mulleres en marcha até que todas sexamos libres".
As creadoras deste proxecto artístico son Ana Gesto, Ada Adriana García e Marta López. A peza escultórica resultante terá incorporados vários símbolos alusivos ao camiño: unha sandalia, calzado que simboliza a viaxeira, e unha zoca, calzado galego utilizado pola muller traballadora que simboliza a forza. Son pois a sandalia e a zoca en conxunción quen van arroupar o milladoiro feito a partir das pedras de cada país de procedencia das delegadas participantes no VII Encontro Internacional, que se leva celebrando en Panxón ao longo de toda a semana.
A composición escultórica terá forma circular, representando con isto o poder, e achegará a forza e a unión das mulleres de todo o mundo vindas a Galiza para "Marchar até que todas sexamos libres" todas xuntas polas rúas de Vigo. Como peche da performance, vaise realizar un grande espectáculo da man de Nut Teatro e da cantora Uxía Pedreira.
Unha semana de debates
Na xuntanza que se veu desenvolvendo en Panxón (Nigrán), participaron mulleres chegadas de todos os continentes, un total de 150 delegadas de 40 países. O anterior encontro celebrouse en Perú en 2006 e a próxima xuntanza da Marcha a nivel mundial será no 2010. Ademais, este sábado a MMM organizou na Praza da Estrela de Vigo a Feira da Soberanía Alimentaria, na que diferentes colectivos informarán sobre iniciativas relacionadas co dereit dos pobos a decidir "cómo producen e cómo consumen os seus alimentos".