A versión do navegador libre na nosa lingua atópase en fase beta, mais xa está dispoñíbel na web de Mozilla.
Anunciárase para arredor do Día da Patria, pero houbo que agardar a que pasase o verán para que a versión do Firefox en galego fose oficial. Na web de Mozilla xa se pode descargar o navegador na nosa lingua, grazas ao traballo dun amplo grupo de persoas voluntarias.
Até o momento, podíase 'galeguizar' o Firefox instalándolle un engadido. Agora xa é posíbel descargar directamente o instalador na nosa lingua. O galego forma parte das novas traducións, polo que se atopa na sección de 'betas', xunto a outros idiomas como o islandés, o hindí, o bengalí ou o tailandés.
Segundo se informara no seu día, a fase beta pode durar arredor dun mes. Despois dese tempo, o Firefox en galego estará xunto ás máis de corenta traducións en diferentes linguas do mundo.