Mancomún lanza un paquete de tradución á nosa lingua do navegador antes do seu lanzamento oficial.
Xa máis de cinco millóns de persoas descargaron o Firefox 3, a nova versión do navegador de código aberto máis famoso. Porén, ao nos dirixirmos á páxina de Mozilla e buscar entre os diferentes idiomas en que está dispoñíbel, comprobamos que aínda non o podemos facer en galego, porque a tradución non é oficial.
Mentres agardamos o Día da Patria, cando probabelmente xa sexa oficial o Firefox na nosa lingua, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún, pon ao dispor do público un paquete para a localización ao galego. Dende a web do centro ofrécense as instrucións dos pasos que hai que seguir para ter o flamante Firefox 3 na nosa lingua.