O deputado do BNG no Congreso Francisco Jorquera prefire non facer valoracións do anuncio presidencial até ter todos os datos detallados.
Durante unha visita á nova área cirúrxica do Hospital Xeral de Vigo esta segunda feira, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, revelou que o noso país vai recibir o 8,1% do total dos Presupostos Xerais do Estado, o que supón, segundo dixo, unha décima máis do recibido en 2008.
"Por primeira vez na historia pasamos dos dous mil millóns"
Durante a súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que estes datos son "unha boa noticia" para Galiza, xa que "por primeira vez" se han superar os dous mil millóns de euros. Segundo Touriño, o Estado Español proporcionaralle a Galiza 2.020 millóns de euros, e que isto significa que os galegos e as galegas recibimos "máis do que damos" e máis do "que nos corresponde" en canto ao noso número de poboación.
O presidente da Xunta dixo, ademais, que os cartos han permitir que se liciten as "grandes obras" que o goberno ten proxectadas para o ano que vén.
Jorquera agarda a ter nas súas mans os orzamentos
O deputado nacionalista en Madrid, Francisco Jorquera, prefire agardar a ter nas súas mans o texto dos orzamentos completos para avalialos. Segundo lle confesou a Vieiros, o grupo nacionalista no Congreso non posúe aínda datos de abondo, e queren esperar a coñecer que cantidades se distribúen a cada partida para comentar o texto completo.