Os nacionalistas gobernan en coalición co Partido Laborista dende as eleccións de 2007. Segundo as enquisas o 49% da cidadanía galesa quere máis autonomía.
O líder dos laboristas, Rhodri Morgan (esquerda), e do Plaid, Ieuan Wyn Jones
Os últimos comicios electorais, organizados en 2007, depararon un goberno bipartito para Gales. O Plaid Cymru e o Partido Laborista puxéronse de acordo para formar unha coalición coa condición de que, nesta mesma lexislatura, se convocase un referendo para incrementar a autonomía galesa. Iso é o que lle reclaman agora dende o Plaid Cymru ao primeiro ministro británico, Gordon Brown, que á súa vez se está a ver presionado polos unionistas, que lle piden que non sucumba ante estas exixencias.
O propio Brown, nun discurso ante a Asemblea de Irlanda do Norte reclamou dos políticos locais un acordo para rematar o "proceso de devolución dos poderes", acordado en Saint Andrews, que prevé que Belfast asuma competencias en materia de Xustiza e de Seguridade. En vista deste tipo de xestos, os independentistas galeses reclaman o mesmo escenario para Gales.
Sondaxes
Segundo unha enquisa recente da Universidade de Aberystwyth, o 49% da cidadanía galesa quere máis autogoberno (o 39% a través dun parlamento ampliado dentro do Reino Unido e o 10% cun estado independente). Pola contra, o 31% prefire continuar co deseño actual das administracións (unha asemblea autónoma pero con menos capacidade de decisión que, por exemplo, o parlamento escocés). Outro 15% prefire volver depender totalmente de Londres, mentres que un 6% non expresa a súa opinión.