Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobados polo PPdeG

O goberno municipal de Cangas elimina do PXOM os convenios de Massó e Aldán

Nunha xuntanza entre o concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo, e a empresa redactora acordouse suprimir as polémicas urbanizacións.

Redacción - 20:00 15/09/2008

Unha loita contra os intereses especulativos e a "marbellización" da costa galega está a piques de rematar. Ou polo menos, iso é o que semella despois de que se eliminasen definitivamente do documento do plan xeral de Cangas os polémicos convenios de Massó e Aldán, uns proxectos que, xunto con outros de menor entidade, foron aprobados sendo alcalde o popular Xosé Enrique Sotelo e incluídos no PXOM, posteriormente anulado. Estes convenios urbanísticos prevían a construción en Aldán dunhas cinco mil vivendas (sobre Menduíña e Herbello) e en Massó doutras 750, ademais dun hotel e dun centro comercial.

O equipo redactor incluíra no avance do Pxom agora en proceso de redacción os polémicos convenios, alegando que existe inseguridade xurídica sobre a súa situación legal. Isto provocou diferentes reaccións entre os membros do grupo de goberno: BNG, PSOE e Alternativa Canguesa de Esquerdas. Esta corporación tripartita acordara no seu pacto de coalición paralizar o deseño das urbanizacións e, en consecuencia, a sorpresa foi maiúscula. Agora, o concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo (ACE), mantivo unha xuntanza co equipo redactor e transmitiulle o acordo do equipo de goberno, que deberá ser trasladado ao documento. Abalo asegura que "o PXOM non hipotecará a costa de Cangas, porque do contrario estariamos a traizoar o acordo de goberno e, ademais, sería unha fraude a toda a cidadanía".

No entanto, o edil de urbanismo asegura que "aínda hai que ser cauteloso" porque o documento definitivo, que se presentará no prazo duns dez días, terá que ter o visto bo da corporación municipal. Só naquel momento "poderemos falar do fin desta loita". En canto ao futuro que se lle dará aos terreos de Aldán e Massó, Abalo reiterou que "a punta de lanza terá que ser a recuperación do noso litoral e do noso patrimonio industrial".


Ligazóns

5/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: