A pé do mar de Cangas acontece unha loita que non ten transcendido abondo fóra do contorno da propia ría de Vigo, malia ofrecer exemplo do que veciños e políticos locais cualifican como unha clara aplicación "das receitas da especulación". O caso xorde do cambio de uso industrial a residencial dun conxunto de terreos a pé de mar nun espazo de privilexio, onde un convenio con moitas "sombras", bota para adiante a posibilidade de construír un milleiro de vivendas, un hotel, un centro comercial e un porto deportivo.
Mariano Abalo, actual concelleiro de Urbanismo (elixido á fronte da lista Alternativa Canguesa de Esquerdas), fala de "operación de estilo marbellí" para referirse á iniciativa en cuestión, xurdida durante a anterior maioría absoluta do PP. Quéixase ademais Abalo de que fronte a ese "pastel" se estean tratando de "instrumentalizar todos os resortes de poder posíbeis para que esta operación non morra". No mesmo sentido, desde o Foro Social de Cangas, Tiago Pérez, voceiro do colectivo, apunta que alén de todas as irregularidades e procesos xudiciais en curso, a presión ten que ver no fondo con intereses especulativos concretos que "tentan botar a xente de aquí, mudar Cangas e crear un Sanxenxo-dous, onde único emprego que vai quedar será a hostalaría para atender o rico que vén de fóra".
Unidos nesta plataforma, os cangueses loitan contra o proxecto de porto deportivo, centro comercial e urbanización de luxo proxectada no contorno de Punta Balea e o Salgueirón, onde está ademais a vella factoría de Massó. As obras iniciadas foron paralizadas na altura de 2005, e o conflito deu ademais na caída da anterior maioría absoluta do PP no Concello. De feito, o anterior alcalde, Enrique Sotelo, afronta unha denuncia por presunta prevaricación, falsidade en documento público e tráfico de influencias polos convenios por el asinados, asuntos que o foro pretende que, máis aló dunha posíbel inhabilitación, rematen en penas de prisión para os implicados.
Longa lista de actuacións "irregulares" O outorgamento "opaco" da concesión de porto deportivo por parte da Autoridade Portuaria, a inexistencia dunha exposición pública "verdadeira", a non presentación no momento inicial do informe de impacto ambiental, a existencia dun informe vinculante da consellaría de Pesca totalmente contrario ao porto e logo "misteriosamente desaparecido", o "desprezo" polo valor histórico e cultural da vella fábrica de Massó (proposta para a catalogación como Ben de Interese Cultural), o salto por riba da consideración de espazo natural protexido da Lagoa da Congorza, as diversas irregularidades no proceso de recualificación de terreos...
Son todo un conxunto de acontecementos que desde o Foro Social definen como exemplo do "manual de especulación" aplicado na costa canguesa arredor deste proxecto. Desde o colectivo, Tiago Pérez insiste en que se trata dun exemplo perfecto dos "ataques brutais á ría de Vigo por parte de axentes especulativos e privatizadores", e critica a conivencia de políticos, entidades financeiras e autoridade portuaria en favor do proxecto. Recorda ademais o perigo que sobre a dinámica de correntes implica unha actuación como a do peirao deportivo aló pretendida, nunha zona de alta importancia do marisqueo e a pesca artesanal. "Calquera pedra que se pon no mar merecería dun estudo exhaustivo, e pola contra aquí só se atende a intereses especulativos", láiase.
Entre a expropiación e o referendo O proxecto avanza agora entre as denuncias no xulgado e a teima da construtora en seguir adiante cos traballos, freados até o de agora polos veciños, que hai poucos días impedían outra vez o acceso ao lugar de técnicos e obreiros.
Abalo advirte de que "se non hai un proceso dialogado para a recuperación da zona, con acordo por todas as partes" que evite a "operación especulativa", o goberno municipal estuda a opción de levar a loita até as últimas consecuencias, incluída a posíbel "expropiación". Insiste o edil de urbanismo en que se trata da recuperación dunha zona "vital" para o futuro de Cangas. Explica ao respecto que de non chegar ademais a un consenso total dos propios grupos de goberno, estaría a prol dun referendo onde os veciños opinen sobre cal é o proxecto "de maior proxección e futuro para Cangas". Mariano Abalo, quen segundo o acordo do tripartito cangués (BNG, PSdeG e ACE) é o único que expón en público a posición do Concello sobre este conflito, tamén solicita que desde a Xunta se faga un pronunciamento "claro" da posición arredor do futuro do Salgueirón que sexa "coherente co valor patrimonial e natural" do espazo. "Touriño e Quintana deben ser consecuentes coas declaracións que teñen feito en favor da protección do noso litoral", di o concelleiro de Urbanismo, ao tempo que solicita do Goberno "unha colaboración que de momento non existe".
Na web
Cangas Non se Vende poden ampliar información sobre o caso.