Un milleiro de traballadores da extracción da lousa maniféstanse contra o desmantelamento do sector no concello de Quiroga.
A lousa que outrora era o sector máis puxante nas montañas de Pacios da Serra (Quiroga), que durante corenta anos de actividade mineira empregou a 650 traballadores da zona, e que arramplou con zonas de especial interese paisaxístico, entrou nun momento de crise. As tres empresas que extraen os seus beneficios da procura desta rocha metamórfica (Ferlosa, Pebosa e Cupiga) están a pasar por momentos difíciles, unhas consecuencias que pagan directamente os traballadores.
Na actualidade, ningunha das tres empresas mantén a súa actividade normal. A pasada semana Ferlosa asinou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), polo cal mandará os seus 90 traballadores ao paro en dúas quendas de tres meses. Mentres, en Pebosa e Cupiga, que empregan a 150 traballadores, non rexistran ningún tipo de actividade e levan dende o pasado mes de xuño sen cobrar (polo que o empresario lles adebeda catro mensualidades incluída a extra de verán). Ante esta difícil situación que está a afectar gravemente ás familias da comarca, os tres sindicatos maioritarios no sector (CIG, UXT e CCOO) veñen de convocar unha concentración co obxectivo de "denunciar o seu desmantelamento e a grave situación pola que están a pasar os traballadores, así como concienciar ao entorno sobre a realidade dos empregados da lousa".
Crise que vén de atrás
O difícil momento que sofre o mercado da construción abocou ao sector da lousa a esta situación, pero esta non é a súa única causa. A Asociación Galega de Louseiras (AGP), coa que hoxe foi imposíbel falar, xa apuntara en xullo outras como a subida do gasóleo e, sobre todo, o aumento dos custes de produción, entre eles a maquinaria, que non teñen a súa repercusión no prezo da lousa. Non obstante, dende os sindicatos non eximen de responsabilidades aos empresarios. O secretario xeral de UXT – Lemos, Mario Docasar, acusa directamente ao berciano Plácido Carreira (propietario de Pebosa e Cupiga) de eludir dar explicacións: "está desaparecido dende hai dous meses e aquí ninguén sabe nada del". Igualmente, o secretario local de CIG Lemos, Xosé Manuel López, recorda que cando comprou a empresa a finais de 2006 xa estaba en concurso de acredores: "veu para gañar cartos e ao ver que a cousa non pintaba ben esfumouse".
Afección ambiental
A desaparición deste empresario contrasta cos 300 expedientes de empresas mineiras que piden que se legalice a súa situación que se amorean nas oficinas de Urbanismo da Consellería de Política Territorial. É, en suma, unha mostra máis de que este interese empresarial se reduce ao económico, pexa o ambiental e, aínda máis, deixa sen futuro á comarca. Os diferentes colectivos ecoloxistas, como Adega ou SOS Courel, veñen de exixir en reiteradas ocasións a necesaria protección dos valores naturais, así como a lexítima demanda veciñal de oportunidades laborais no lugar.
Así tamén os sindicatos son conscientes de que o futuro da comarca pasa pola recolocación de moitos dos traballadores. Ademais da manifestación, están a traballar na creación dun observatorio que estude as posibilidades que se abren para os traballadores que previsibelmente acabarán no paro e como axudar aos que, despois de tres meses de impagos, non poden facer fronte ás súas débedas. Esta iniciativa xa conta co apoio de todos os concellos afectados (Quiroga, Monforte e Valdeorras) e prevén reunirse proximamente coa Consellería de Industria, a de Traballo e de Medio Rural. Con todo, a CIG apunta á reconversión do sector e á busca da súa diversificación: entre as posibilidades que se barallan está a da horticultura e fruticultura, aproveitando o microclima da zona, ou a mellora do sector forestal, entre outras. Agardan unha resposta por parte das administracións para buscaren unha saída ao problema, xa que reiteran que están xa "ao límite das súas posibilidades".