Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTRA OS VERTEDOIROS

A Unión Europea interésase polo impacto ambiental das minas nos Ancares

Solicitará ao goberno español información sobre as entulleiras nas que se depositan os cascallos das explotacións mineiras.

Redacción - 09:30 04/08/2008

As explotacións mineiras seguen a ser unha ameaza tanto para a serra dos Ancares como para o Courel. Tal e así, que a Comisión Europea vén de solicitar información sobre o impacto ambiental dos vertedoiros das minas na serra galego – leonesa dos Ancares e recorda ás administracións da súa obriga en tomar as medidas que sexan necesarias para evitar o posible deterioro deste espazo protexido. Así o manifestou o comisario de Medio Ambiente, Stavros Dimas, nunha resposta parlamentaria ao eurodeputado de Esquerda Unida Willy Meyer.

Asemade, Dimas recordou que os estados membros deben elaborar un inventario das instalacións de residuos xa pechadas que poidan converterse nunha ameaza para o medio ambiente ou a saúde das persoas antes de maio de 2012. Dixo que á Unión non lle consta que o Estado español iniciase a elaboración de dito inventario, nin que incorporase á súa lexislación a directiva sobre a xestión de residuos industriais.

A pregunta do eurodeputado de Esquerda Unida referíase sobre todo ás entulleiras formadas por antigas explotacións mineiras nos Ancares, fundamentalmente no concello leonés de Fabero. Da súa parte o comisario de Medio Ambiente subliñou que a Serra dos Ancares forma parte da rede europea Natura 2000, polo que, de acordo coas normas europeas, as autoridades deben tomar as medidas necesarias para previr o deterioro dos hábitats naturais e das especies, así como a perturbación do ambiente derivada das explotacións mineiras.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: