O 'Financial Times' asegura que o Exército de EUA adestrou comandos xeorxianos pouco antes da ofensiva en Osetia do Sur.
Xeorxia denunciou Rusia este luns ante a Corte Internacional de Xustiza (CIX), con sede na Haia, por violacións dos Dereitos Humanos da poboación de orixe xeorxiana que vive en Abkhazia e Osetia do Sur.
Tiblisi pretende que a CIX, que investiga as disputas entre países e que podería non ter xurisdición neste caso, emita unha orde provisional ou un requirimento xudicial, obrigándolle a Moscova rematar coas "violacións", "incluídos os ataques contra civís (...), os asasinatos, os desprazamentos forzados e o rexeitamento da asistencia humanitaria".
A denuncia pódese analizar como un acto simbólico de Xeorxia que busca prexudicar a imaxe de Rusia. Segundo André de Hoogh, catedrático de Dereito Internacional na Universidade holandesa de Groningen, as posibilidades de que Tiblisi gañe o caso son escasas a menos que demostre que as accións de Moscova estaban motivadas por discriminación racial.
Apoio militar estadounidense
Por outra banda, o diario británico Financial Times publicaba esta fin de semana que o Exército estadounidense facilitou adestramento de combate a 80 comandos xeorxianos de forzas especiais só uns meses antes de que Xeorxia lanzase a ofensiva armada en Osetia do Sur.
O rotativo, que tivo acceso a documentos e entrevistas con responsábeis de formación militar de Estados Unidos, asegura que isto podería reforzar as acusacións do primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, neste senso.