Considera que buscaba favorecer a elección do candidato presidencial republicano, John McCain.
O primeiro ministro ruso, Vladimir Putin, expresou esta quinta feira as súas sospeitas de que Estados Unidos instigase o ataque militar de Xeorxia sobre Osetia do Sur co fin de favorecer a elección do candidato presidencial republicano, John McCain. O goberno do país norteamericano rexeitou as acusacións.
"Xorde a sospeita de que alguén en Estados Unidos provocou intencionadamente este conflito para agravar a situación e dar preferencia a un dos candidatos ao posto de presidente", dixo Putin nunha entrevista á cadea de televisión CNN.
Medios rusos comentaron nos últimos días que a retórica de McCain se endureceu logo do conflito bélico entre Rusia e Xeorxia, algo que o levou a mellorar os seus resultados nas enquisas. Unha teoría que defendía esta semana o experto en política internacional e colaborador de Vieiros, Carlos Taibo.
Putin culpou a EUA por adestrar e armar o Exército de Xeorxia, o que, segundo el, alentaría os ánimos vingativos no país caucásico, para recuperar polas armas as rexións separatistas de Osetia do Sur e Abkhazia. E preguntouse por que o goberno estadounidense non actuou contra o presidente xeorxiano, Mijaíl Saakashvili, cando decidiu atacar Osetia do Sur.