Un documento da Brilat ordénalles aos soldados evitar enfrontamentos e non apagar ningún lume agás cando periguen vidas.
Un dos batallóns da Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportábel do Exército de Terra español (Brilat) despregado durante este verán no dispositivo militar de prevención de incendios en Galiza ordena aos seus militares que eviten enfrontarse á poboación civil que se mostre hostil á súa presenza e que os "castiguen" co "látego da indiferenza".
Esta consigna está incluída no documento Normas de actuación, distribuído aos integrantes do citado batallón que participa con varias das súas compañías na operación Centinela Gallego (Sentinela Galega), ao que tivo acceso Europa Press.
O tríptico recolle toda unha serie de ordes de diferente índole, como a petición de que os soldados sexan "extremadamente educados" e "extremadamente escrupulosos coa uniformidade" durante a misión e recórdalles que a súa imaxe é "a das Forzas Armadas".
No apartado sobre o uso de armamento, subliña que "a disuasión non implica o uso da forza" e que os soldados só teñen autorizada a súa autodefensa "aplicando a mínima forza necesaria, limitada tanto en duración como en intensidade".
Neste punto, recorda aos militares da Brilat que deben levar a súa arma con dous cargadores, un con balas de fogueo e outro precintado con munición de guerra, e que só a teñen para defenderse, "non para convencer a ninguén nin disuadilo de cometer un delito".
"Ante a dúbida non apagues o lume"
As normas concretas relacionadas coa actuación ante incendios céntranse en transmitirlle ao militar que se debe limitar a "vixiar a aparición de novos focos" e que só debe actuar contra o lume cando estean en perigo vidas humanas. "Recorda, es da Brilat, non bombeiro nin da UME, ante a dúbida non o apagues", apunta.
O tríptico 'Normas de actuación' está incluído nun documento de de carácter operativo de maior extensión que explica características xerais e pormenores da misión Centinela Gallego.
Este segundo documento sinala unha zona "moi determinada" onde os militares da Brilat atoparán poboación "claramente contraria" á súa presenza. Trátase dunha área delimitada polo triángulo que forman tres municipios e onde a poboación "ameazou con realizar incendios sen importarlle a posíbel presenza das patrullas".
O documento estabelece que os militares que realizarán as patrullas estarán aloxados en xullo e agosto nun ximnasio "con espazo para doce homes, auga corrente e electricidade". Estas condicións de vida xeraron "malestar" nalgúns dos soldados polo nivel de precariedade das instalacións, segundo explicaron a Europa Press fontes militares.