Tel Aviv presenta a operación, ao abeiro das conversas de Annapolis, como un xesto de boa vontade cara ao presidente Abbas.
Os presos, pouco antes de seren ceibados, na prisión de Ofer
O goberno do Estado de Israel ceibou este luns a primeira hora da maña 199 presos palestinos (194 homes e catro mulleres, segundo a axencia Reuters) como xesto de boa vontade cara ao goberno presidido por Mahmud Abbas.
A liberación dos convictos -entre os que hai dous condenados por asasinato en 1977 e 1979- coincide cunha nova visita da secretaria de Estado de EUA, Condoleezza Rice, e forma parte dos acordos de Annapolis.
Os presos foron trasladados en bus dende a prisión israelí de Ofer, en Cisxordania, deica o posto de control de Bitunia, perto de Ramala, informaron fontes da Organización para a Liberación Palestina (OLP).
O xefe do Servizo de Seguridade israelí, Yuval Diskin, manifestou a semana pasada que a liberación dos presos "supón presión para Hamás".