Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mais unha proba: en Mondoñedo

Outra minicentral tramitada con estudos ambientais obsoletos

Ecoloxistas e veciños critican que o Goberno volvese retomar un proxecto de hai máis dunha década na Mariña, sen estudar os perigos que podería causar para a fauna e a flora.

Redacción - 09:30 09/08/2008
Río Figueiras, en Mondoñedo (A Mariña)

Río Figueiras, en Mondoñedo (A Mariña)

A empresa Norvento acaba de presentar un proxecto para a construción dunha minicentral no río Figueiras, en Mondoñedo. A concesión da explotación é de 2002 (e daquela a titular era a empresa Aglomerados ECAR). Porén, o Estudo de Efectos Ambientais é do ano 1996.

Este último dato é intolerábel para a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), que denuncia que, despois de 12 anos, Augas de Galicia (dependente da Consellaría de Medio Ambiente) considere "innecesario" facer un novo estudo ambiental da zona, sen ter en conta os cambios na lexislación ambiental que se puidesen dar durante máis dunha década.

O colectivo ecoloxista salienta, ademais, que no Río Figueiras non existe ningunha central hoxe en día, e que, polo tanto consérvase en boas condicións ambientais, permitindo que especies como a troita, o salmón, o reo e a Anguía, a píntega rabilonga, o sapiño troiteiro, a ra patilonga, ou a lontra e varias aves dependentes do río, conserven o seu hábitat intacto. Construír unha minicentral nesta zona afectaría, segundo Adega, ás especies animais e vexetais, que irían desaparecendo, sobre todo os peixes, que se verían afectados por "unha barreira nun ciclo tan importante da súa vida" como é a chegada ao mar para desovar. Ademais, a construción do encoro afectaría os caudais ecolóxicos do río (as condicións hidrodinámicas, físicas e biolóxicas deste).

"Augas de Galicia tramita proxectos obsoletos"
Adega denuncia, ademais e baseándose nos datos do proxectado para o Río Figueiras, que Augas de Galicia "continúa coa tramitación de proxectos obsoletos para a construción de minicentrais hidroeléctricas nos ríos galegos".

Ademais, salientan que despois de facerse público o informe do Consello de Contas de Galicia, quedou patente que todas as concesións de minicentrais actualmente en tramitación "posúen graves irregularidades", cousa que os ecoloxistas ven como "motivo máis que suficiente" para revisar e dar por caducadas moitas das concesións. No estudo que debulla o Consello aparecen tamén casos de modificación e ampliación irregular de proxectos, desta volta durante a anterior etapa de goberno, onde malia a obriga legal non se volvían elaborar os estudos de impacto ambiental.

Os veciños de Mondoñedo, en desacordo
Os veciños de Mondoñedo tampouco están de acordo con que se contrúa unha minicentral nesta zona. Hai case un ano presentaron arredor dun cento de escritos de alegación contra o proxecto que, baixo a denominación "Salto de Cabana", afectaralle a unha zona onde se inclúe a área recreativa d'A Fervenza, onde existe unha pía natural á que van os verán a se bañaren ou a almorzar.

De momento, a Consellaría de Política Territorial non presentou o informe ao respecto, polo que non se sabe aínda se as "múltiples irregularidades" do proxecto que denuncian os mindonienses serán atendidas. Porén, a semana pasada os veciños do barrio do Coto da Recadeira organizaron unha xornada de festa con verbena (coa orquestra Olympus, que gañaron nun concurso do programa da Radio Galega, Pensando en ti) na que pretendían recadar cartos e apoios para que este proxecto non se levase a cabo.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A área da Fervenza, que os veciños queren evitar que se estrague coa minicentral / Imaxe: Xosé Chao (Adega)
A área da Fervenza, que os veciños queren evitar que se estrague coa minicentral / Imaxe: Xosé Chao (Adega)
Outra imaxe da fervenza, atopada no Flickr de Fabiolo (Pontedapedra)
Outra imaxe da fervenza, atopada no Flickr de Fabiolo (Pontedapedra)