Un salto eléctrico vai arramplar co espazo recreativo d'A Fervenza, na imaxe, se a Xunta non o evita. Ademais, os ecoloxistas acaban de descubrir outro proxecto en marcha no río Figueiras.
Veciños, colectivos locais e a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, presentaron hai case un ano na Xunta arredor dun cento de escritos de alegación contra o proxecto de construción dunha minicentral no río Tronceda, que baixo a denominación "Salto de Cabana", afectaralle a unha zona onde se inclúe a área recreativa d'A Fervenza. De momento, a Consellaría de Política Territorial non presentou o informe ao respecto, polo que non se sabe aínda se as "múltiples irregularidades" do proxecto que denuncian os mindonienses serán atendidas.
Os ecoloxistas aproveitan para lembrar este caso, pero ademais, Adega – A Mariña destaca o recente descubrimento, a través do Diario Oficial de Galicia, das xestións da empresa Norvento Hidráulica para a construción doutra minicentral no concello, desta volta no río Figueiras, na parroquia do mesmo nome. Segundo explica Xosé Chao, voceiro do colectivo, o chamado "Salto de Figueiras" procede dunha concesión que se está tramitando na actualidade e que vén do ano 1997.
O propio Concello de Mondoñedo, a través do seu alcalde, Orlando González, expresou o rexeitamento do equipo de goberno a este tipo de proxectos, criticando o beneficio económico "do que sacará proveito unha empresa privada" por riba dos "dereitos e intereses dos cidadáns", ao tempo que se limita o desenvolvemento sostíbel de Mondoñedo "en áreas tan importantes coma o turismo ou o medio ambiente". Con todo, e tal e como explican os ecoloxistas, os concellos non teñen potestade para decidir nestes casos malia afectaren "gravemente" os seus espazos naturais. Ao xeito do que sucede con parques eólicos ou piscifactorías, "desde a Xunta prescinden da autonomía dos concellos e tramítanos coma proxectos sectoriais de carácter supra municipal", indican.
"Falta de sensibilidade medioambiental"
Aínda recoñecendo "algún paso adiante" evidenciado na paralización temporal dalgúns proxectos similares, desde Adega entenden que a actitude do Goberno "resulta totalmente insuficiente de cara a protección dos ríos galegos". Recordan ao respecto que a Lei de Conservación da Natureza, aplicábel especialmente en Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Rede Natura, como sucede neste caso e a Lei para a Protección, Conservación e Mellora dos ríos galegos froito dunha iniciativa lexislativa popular son instrumentos infrautilizados debido "á falta de sensibilidade da Xunta" neste aspecto. "Continúan tramitándose os proxectos herdados do goberno do PP", quéixanse.
Así, Adega propón que se anulen estas concesións aproveitando as "múltiples irregularidades detectadas" e a vulneración ou deficiente interpretación do ordenamento xurídico. Por outro lado, sinalan a opción da indemnización económica as empresas afectadas, como vía tamén para "corrixir actuacións da Xunta que, no seu momento supuxeron concesións contrarias ao interese xeral, froito da especulación ou de presuntos delitos", recordando ao fío que algunhas destas concesións están aínda sendo investigadas pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza.