Os sindicatos volven denunciar a presión aos traballadores para aumentar o ritmo de traballo nas obras do porto exterior, incluídas ameazas de despedimento.
O traballador estaba limpando o seu camión cunha mangueira, a unha altura de tres metros, cando o contacto da auga cun cadro eléctrico situado a carón do vehículo provocou unha descarga que o tirou cara atrás o condutor. O operario caeu sobre unha zona rochosa e de difícil acceso, segundo explican desde a CIG, sendo necesaria a actuación dos bombeiros para o seu rescate. O accidente produciuse contra as 23 horas deste xoves, e o traballador permanece aínda ingresado no hospital con lesións cervicais.
A CIG anunciou que vai denunciar este novo accidente na Inspección de Traballo. O sindicato tamén solicita o cesamento inmediato do coordinador de Seguridade da Unión Temporal de Empresas (UTE) - Langosteira, do coordinador de Seguridade da UTE-Supervisión e do encargado xeral das obras de Punta Langosteira. No mesmo lugar, coñecido como o “espaldón”, xa se producira o sinistro anterior, o pasado 8 de xullo.
É unha zona non identificada como área de traballo e que nin sequera aparece na valoración de riscos. A maiores, advirten de que volveu fallar a iluminación, pois só había un foco sen pantalla o que reducía a visibilidade a esa hora.