Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARME FREIRE, SINDICATO LABREGO GALEGO

"Queremos vivir dignamente, que non se especule coa alimentación"

Viaxa por todo o país o "mercado da transparencia", unha iniciativa que denuncia as marxes abusivas que se aplican a produtos gandeiros.

Isabel G. Couso - 09:00 18/07/2008

As leitugas páganse a 24 céntimos ao produtor, mentres que se venden a 70 céntimos nas grandes superficies, o que supón un 300% de marxe de beneficio. No caso das patacas, a marxe é do 400%; na carne e no leite do 272%; e así unha longa lista de produtos gandeiros e agrícolas.

Contra esta realidade quere loitar o Sindicato Labrego Galego (SLG), quen vén de organizar un mercado da transparencia, para que os compradores poidan saber cal é o prezo que se lle paga ao produtor. Con esta iniciativa queren poñer de manifesto a situación de grave crise que atravesa o sector e denunciar a súa situación de indefensión. Dunha banda, porque non están estipulados uns prezos mínimos para os produtos agrogandeiros, polo que son as multinacionais da distribución quen fixan a cantidade económica que recibe o produtor, unha cantidade que sempre tende á baixa. E doutra banda, revélanse contra os monopolios nos que se está a concentrar a compra de produtos do campo.

A recepción desta iniciativa en Compostela foi moi boa, tanto que nunha hora os produtores case remataron coa súa mercancía. A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, recoñece que lles sorprendeu a boa acollida do mercado transparente e comprobou que moitos consumidores están máis concienciados do que agardaba.

Medidas políticas
O Sindicato, da man da súa secretaria xeral reclama que se adopten medidas políticas para cambiar esta situación. Reclama a convocatoria dunha mesa de negociación que aborde como lle pór fin a esta crise. Ademais, queren que se modifique a lei de competencia para poder fixar uns prezos mínimos dos produtos que reflictan os custos de produción e cubran o traballo de agricultores e gandeiros. Igualmente, piden que se elabore unha lei de marxes comerciais que sexa transparente e 'que signifique que a xente saiba que parte do que está pagando vai parar ao produtor e canto hai de marxe de beneficio para os intermediarios'.


Ligazóns

4,91/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: