Dez mil gandeiros de todo o país encheron a praza da Quintana nunha manifestación para esixir prezos xustos para carne e leite.
Aquí vén o maio, de frores cuberto, Manuel Curros Enríquez. Si hom, vénche arrastrando uns ballóns de moito nabo que non fan naufragar a maré humana enraizada nos labregos e labregas dun país chamado Galiza. Estes xa che viñan de tempo atrás, non o esquezas.
Pasai rapaciños, calados e quedos mais te trabucas, meu rebelde de mal xenio porque de rapaciños, ren. Pasan os homes e mulleres ao ritmo líquido das pingas nos paraugas, os toc das varas contra o firme e a fonética dun galego de noso, o mesmo galego que algúns queren matar dignamente, abofé. Nin calados, nin quedos, non. Bravos coma xabarís que non se agochan fronte o empresariado ladrón que xoga a cazador en cotos privados que non queremos que o sexan, a terra é nosa.
Eu sónvo-lo probe do pobo gallego, e nós tamén. Teno claro, os labregos e labregas desta nación sónchevos os “probes do pobo gallego” como o son os traballadores da construción nestes intres da chamada bastarda desaceleración que ti, revolucionario e provocativo, berrarías: crise! Sónchevos os “probes do pobo gallego” todos e todas quen forman as camadas populares, os de abaixo, os que viven coma números do mercado flutuante que se nega a darlle dignidade. E os tempos son chegados, repetimos, e algúns xa como oración sacrílega que non é nin será pois provocaría amnesia ruín.
Cando eu me atopare, de donos liberto i o pan non me quiten trabucos e préstemos e como os do abade frorezan meus eidos, chegado haberá estonces o maio que eu quero. E morriches e volviches á terra e estás connosco, racatapran!, ás ordes de Añón, ou? Pero se antes os abades roubaban como agora rouban horas na educación pública, tamén as empresas leiteiras, o condenado por delitos ecolóxicos, Xesús Lence, condenado arrufado. Por tal, berramos: prezos xustos que cubran os custos de produción e un contrato homologado. Berramos dignidade porque ser labrego ou labrega de aldea é ser persoa como os da CEG ou os que fan aerobic no edificio do “Club Financiero de Vigo” mirando todo dende as alturas pero chegará o día de degallar.
Cantádeme un maio sin bruxas nin demos; un maio sin segas, usuras nin preitos, sin quintas, nin portas, nin foros, nin cregos nin ladróns na nosa terra.