A comisión bilateral pola verdade culpa o goberno indonesio de levar a cabo unha "campaña organizada de violencia" contra os independentistas.
O presidente de Timor Leste asina baixo a mirada do de Indonesia e do primeiro ministro timorés, Xanana Gusmão
O presidente de Indonesia, Susilo Bambang Yudhoyono, recoñeceu este martes que o seu país cometeu abusos graves dos dereitos humanos durante a consulta popular pola independencia que tivo lugar en Timor Leste en 1999. Yudhoyono pediu perdón polos asasinatos, torturas e demais crimes.
A Comisión da Verdade e da Amizade de Indonesia-Timor Leste (CTF-RI-TL), estabelecida en 2005 para investigar as matanzas, entregoulles un informe aos presidentes dos dou países. Neste estabélecese que os soldados, a policía e as autoridades civís indonesias levaron a cabo unha "campaña organizada de violencia" contra os partidarios da independencia.
"Expresamos o noso arrepentimento máis profundo polo ocorrido", declarou Yudhoyono logo de asinar un comunicado conxunto co seu homólogo timorense, José Ramos Horta, aceptando a resolución da comisión. "Non deixemos que se esqueza os que foron vítimas durante ese período escuro do noso pasado", engadiu.
Só unha persoa encarcerada
Máis dun milleiro de persoas foron asasinadas logo de que os timorenses votaron a prol de rematar con 24 anos de soberanía indonesia, exercida en moitas ocasións con represión e violencia. Tan só un cidadán indonesio foi encarcerado en relación con aqueles acontecementos.
Todo indica que con esta desculpa non haberá ningún máis, xa que a comisión abortou a posibilidade dun xuízo amparado pola ONU, tal e como defendía os grupos de defensa dos dereitos humanos. Neste senso, Yudhoyono afirmou que o obxectivo era sacar a verdade á luz para que ambas as dúas partes puidesen avanzar cara a reconciliación.