Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois das protestas dos ecoloxistas

Vázquez di que Espinosa lle trasladou a súa "vontade política" de non autorizar a 'coitelada' no Sil

O conselleiro de Medio Ambiente salientou que os proxectos para os canóns son dous, mais que un non se ha desenvolver porque di que é ambientalmente insustentábel.

Redacción - 19:00 09/07/2008
Elena Espinosa con Manuel Vázquez

Elena Espinosa con Manuel Vázquez

O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, asegurou esta cuarta feira que a súa homóloga no goberno español, a ministra Elena Espinosa, lle trasladou a súa "vontade política" de non dar o visto e prace ao segundo proxecto hidráulico de Iberdrola nos Canóns do Sil.

Vázquez tamén aclarou, tras volver dunha xuntanza en Madrid con Espinosa, que a declaración de impacto ambiental autorizada polo Ministerio non é a mesma á que se opuxo o Goberno nos últimos meses. Ao parecer, trátase de dous proxectos de "moi distinta dimensión e dano ambiental".

Así, indicou que o que o Ministerio autorizou é unha obra para construír un túnel interior por baixo do nivel da auga, ademais de colocar unha nova turbina na central de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín, en Ourense). O segundo plan de Iberdrola (ao que a ministra aínda non deu o seu visto e prace) é na superficie, e aínda está pendente da declaración de impacto ambiental. Sería un outro proxecto de aproveitamento hidroeléctrico na zona, ao que denominarían Santo Estevo II; unha central soterrada en pleno canón que implicaría trasladar a auga a unha meseta que se adaptase previamente, cun lago artificial de 30 hectáreas. A idea é facer unha central de bombeo.

"O Ministerio é consciente, e así o recoñece a ministra, de que o impacto ambiental sería moi grande, e, aínda que o teñen que decidir os técnicos, a vontade da ministra está clara", sentenciou o conselleiro de Medio Ambiente.

As denuncias dos ecoloxistas
Dende Adega salientan que este tipo de actuacións son "unha agresión inadmisíbel ao patrimonio natural e aos ecosistemas protexidos". Ademais, segundo a organización ecoloxista, Iberdrola (e empresa promotora das obras) "gasta millóns de euros en indecentes campañas publicitarias nas que se gaba de defender o medio, pero non ten vergoña en contradicilas cando pode, pola avaricia dunha empresa que se comporta como se Galiza fóra unha colonia ao seu servizo".

Os ecoloxistas, ademais, instan aos políticos galegos (entre eles á ministra Elena Espinosa) a que defendan a paisaxe da Ribeira Sacra. Ademais, van comezar unha campaña de sensibilización e rexeitamento público destes "indecentes proxectos", solicitando entrevistas cos colectivos sociais e concellos da Ribeira Sacra para impedir a súa realización.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: