O executivo catalán é o primeiro en recoller unha das recomendacións ás administracións da IV Conferencia Europea de Gais e Lesbianas policías, que acolle Barcelona estes días.
Lesbianas e gais denuncian en Catalunya unha media de 23 agresións e discriminacións ao mes, unha cifra que supón un aumento dun 5% con respecto a cifras anteriores. Ante iso, a Generalitat xa anunciou a creación dunha lei contra a homofobia, que debería de estar lista despois do verán.
Ademais, os Mossos d'Esquadra veñen de poñer en marcha un plan especial para a detección e prevención de delitos homofóbicos, despois de que aumentasen tamén os casos de violencia contra gais en poboacións como Sitges. A iso súmase a creación hai un ano da nova Fiscalía Coordinadora de Agresións Homófobas, que permitirá aos Mossos d'Esquadra encamiñar os incidentes deste tipo a instancias especializadas.
Doutra banda, a posta en marcha desta nova lexislación permitirá que insultos, xestos ou manifestacións poidan ser tipificadas como delitos se teñen o agravante de discriminación por razón de orientación sexual, e non só como faltas como acontece agora.
Policías gais e lesbianas
A implicación policial no respecto ao colectivo gai ponse de manifesto estes días en Barcelona, cidade que acolle a Conferencia Europea de gais e lesbianas policías. Organizada por Gaylespol, a primeira asociación española de policías homosexuais, esta cita márcase o obxectivo de que as distintas asociacións de toda Europa expliquen as súas experiencias nos distintos corpos.
Este certame organízase cada dous anos e a Barcelona antecedeulle Amsterdam, Londes e Estocolmo e conta con conferencias sobre diferentes temas como: "a situación dos gais en Europa", relixión, fe e delitos de odio", "boas prácticas policías no marco da non discriminación" ou "a represión policial franquista". Tamén conta coa participación de recoñecidos poñentes, un dos máis destacados é o xuíz Fernando Grande – Marlaska que, dende que se declarou homosexual, está a reclamar os dereitos do colectivo.
Os membros de Gaylespol aseguran estar moi satisfeitos polo encontro e pola asunción de medidas por parte do goberno catalán na loita contra delitos homófobos.