A Coruña terá educadores sociais que apoien aos homosexuais. Darán asesoramento para que a "saída do armario" non sexa traumática.
Declararse homosexual nunha sociedade eminentemente heterosexual pode supoñer un duro reto a día de hoxe. Sentimentos como o da autoaceptación, é dicir, sentirse culpables ou avergoñados pola propia condición sexual, ou o medo ao rexeitamento e mesmo ao illamento poden facer que xurdan problemas psicolóxicos.
Para axudar neste momento, o Concello da Coruña contratará no vindeiro ano educadores sociais que traballarán nos centros cívicos para axudar aos gais a asumir a súa propia situación, así como a verbalizala. Esta iniciativa, que é novidosa en Galiza, vense realizando dende hai anos noutras comunidades autónomas, segundo explicou a Concelleira de Servizos Sociais coruñesa, Silvia Longueira.
O obxectivo dunha terapia é conseguir a aceptación da homosexualidade, eliminando sentimentos como o de culpa e proporcionarlles aos gais e lesbianas que o desexen as ferramentas psicolóxicas para afrontar os posibles problemas que poidan xurdir nos diferentes eidos da súa vida. En palabras da concelleira, trataríase de axudar a este colectivo a "saber como dicilo sen que lles supoña un trauma de aceptación e verbalizar o que lles aflixe".
Día do Orgullo Gai
Este anuncio fíxose na presentación dos actos que se celebrarán na cidade da Coruña con motivo do Día do Orgullo Gai. A festa comezará o venres día 27 de xuño ás 21:30 cun festival no que actuarán Montxo Lautrec, G Drag Go – go, Afrodita Travesti, L – Kan e o Dj Julius Vlvt. O sábado, á unha da tarde, na Torre de Hércules, despregarase ademais unha bandeira do orgullo, como peche da celebración.