O atleta coruñés foi cuarto na proba que lle armou a Concellaría de Deportes en Elviña. A marca precisa (13.21.50) para obter o pasaporte para as Olimpíadas non chegou.
O atleta arzuán Lolo Penas non conseguiu a marca mínima necesaria nos 5.000 metros lisos para obter o pasaporte directo para os Xogos Olímpicos deste verán. Corrían diante do seu público, nas pistas de Elviña e nunha proba, O Soño Olímpico, creada pola Concellaría de Deportes para el, mais quedou a só 27 segundos da arelada marca (13.21.50).
Ao final entrou en cuarta posición, cun tempo de 13.48.46. Primeiro foi Francisco Javier Álves, subcampión estatal, cunha marca de 13.27.20 (coa que superaba ao seu rexistro no Estatal); segundo Amanuel Messel (oitavo no Mundial de Cross 2008); e terceiro Samuel Tsegay (cuarto no Mundial júnior), que lle roubou o bronce, por só un segundo, a Penas.
No Trofeo Soño Olímpico tamén destacou a actuación de Gustavo Dacal, plusmarquista estatal de xavelina, que se impuxo aos atletas locais cun lanzamento de 71,43. Segundo quedou o lanzador lucense Lombao.