"A implicación cidadá será clave na viraxe e o éxito do modelo de xestión de residuos", asegura o máximo responsábel da Sociedade Galega de Medio Ambiente.
En setembro vai facer tres anos que José Álvarez Díaz chegou á presidencia de Sogama. O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, apostou por un alto funcionario da Administración Xeral do Estado, con probada experiencia en materia ambiental, para refrotar unha nave que vén facendo augas dende que en 1992 o executivo Fraga aprobara a controvertida sociedade semipública. De familia valdeorresa, naceu en Monforte por accidente, aínda que a infancia e xuventude deste fillo de ferroviario decorreu en Ourense.
Álvarez Díaz non elude ningunha das preguntas. Fala con paixón do novo plan de residuos, que asegura vai rachar radicalmente co modelo da anterior administración. Recoñece que Sogama naceu con numerosos lastres e, aínda que admite que os erros foron moitos, cre que do malo tamén se pode aprender. Sostén que se está a abrir nova andaina na xestión de residuos e sinala que os cidadáns teñen que ter un papel fundamental no cambio. Eis a entrevista:
En setembro van cumprirse tres anos da súa chegada á presidencia de Sogama. Que balance persoal e profesional fai deste tempo e que prioridades resumiría que ten Sogama a curto prazo para garantir ese punto de inflexión prometido?
É unha experiencia persoal e profesional moi interesante. Desde o punto de vista persoal apetecíame moito ademais volver á terra despois de anos fóra, e ter a oportunidade de poder traballar para a nosa xente. Sen dúbida, a experiencia que me brindan é atractiva.
As prioridades desde a miña chegada teñen que ver coa estratexia do novo goberno e coa nova política ambiental da Xunta. Non hai que esquecer que Sogama é unha empresa pública, adscrita á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, e como tal, un instrumento operativo ao servizo da Xunta e, en definitiva, dos cidadáns. Cando esta entidade se creou, en 1992, fíxoo como Sogama (siglas de Sociedade Galega do Medio Ambiente). A idea agora é pasar a sermos Sociedade Galega do Medio Ambiente – Sogama, percorrendo así o camiño inverso. Isto é moito máis que un xogo de palabras: é dicir, aínda que pareza estraño, á miña chegada vin que a prioridade debía ser integrar as consideracións ambientais no que paradoxalmente se chamaba Sociedade Galega de Medio Ambiente.
A principal actividade desde a súa creación foi a construción dunha planta de tratamento de residuos, pero cunha concepción máis técnica que ambiental e sostíbel. Agora pasamos cara a unha xestión intelixente dos residuos, co obxectivo de recuperar todo o que sexa recuperábel. Para isto estamos innovando tecnoloxicamente e cambiando todo o proceso. Á fin xeramos riqueza e emprego, porque entendemos que no triángulo que son os recursos, produtos, residuos, se facemos unha xestión intelixente e racional destes, pode converterse en recurso, e se é recurso pode facerse un uso máis prudente e racional del e á vez servir para elaborar novos produtos e pechar o ciclo. É dicir, unha aposta centrada na redución, reutilización e reciclaxe. A nova directiva marco de residuos da Unión Europea xa fixa a necesidade de elaborar programas específicos de prevención de residuos, e sinala que o gran reto é reducir e evitar que siga medrando a produción de residuos. Con todo, as sociedades agora mesmo, canto máis desenvolvidas están máis residuos producen. A meta é dobre entón: tratar de que cheguen menos residuos á planta e que os que cheguen estean mellor xestionados, con criterios ambientais que permitan que desde o I+D+i se contribúa a que todos os residuos poidan poñerse en valor.
A principios dos 90 Sogama naceu rodeada de polémica. Os ecoloxistas opoñíanse a un modelo que primaba a incineración e que cualificaban de insostíbel. O ano pasado o Consello de Contas publicaba un informe no que se analizaba o ano 2004 e que era moi crítico coa entidade. Houbo un problema de planificación á hora de creala? Era previsíbel daquela?
Si, era previsíbel. A planificación con visión de futuro é unha cuestión clave. Non se pode estar na improvisación permanente. Cando se adopta a decisión da Xunta de construír esta planta xa estabamos baixo a política e normativa comunitaria e tamén recibimos unha cantidade moi importante de fondos para tratamento de residuos en todo o conxunto do Estado. Eu vivín de perto isto, porque daquela formaba parte do Ministerio de Medio Ambiente e nun departamento relacionado co proceso.
Na medida en que os concellos teñen a obriga da recollida, transporte e tratamento dos residuos, decídese que deleguen a tarefa na planta de Sogama, que agora incorpora 284 concellos. Había entón que pechar toda unha serie de vertedoiros incontrolados e facer un plan de residuos. Estes plans, cando se fan deben contemplar un horizonte moi longo e ser revisábeis periodicamente. O feito de estarmos como estamos agora en Galiza amosa claramente que era necesario facer un plan novo cunha concepción totalmente nova, baixo os principios desa concepción intelixente e racional da que falabamos. Agora hai unha resposta específica para tratar de resolver ese déficit xurdido da falta de previsión e planificación no tempo.
Recibimos arredor de 900 mil toneladas fronte a unha capacidade para 500 mil. Temos un vertedoiro controlado de apoio, todo baixo unha normativa moi estrita de regulamento. Estamos por tanto tratando residuos en Sogama nas dúas últimas etapas desa xerarquía: falamos da redución, reutilización e reciclaxe, que continúan coa valorización enerxética e o tratamento en vertedoiro controlado. Pero en paralelo, estamos a aplicar novas tecnoloxías para recuperar todo o que sexa recuperábel. Por exemplo, en canto a recuperación de envases, estase a producir a automatización e modernización desa planta, cunha mellora das propias condicións laborais dos traballadores do complexo e un aumento da eficiencia. Queremos contribuír tamén a que haxa maior achega de envases pola recollida selectiva, e iso implica campañas de concienciación cos cidadáns, e ao tempo que as propias capacidades técnicas de reciclaxe sexan maiores. E tamén que o propio proceso permita recuperar outro tipo de residuos, como vidro, metais, etc. Por outro lado, tamén no vertedoiro, está en proceso unha planta de pretratamento que permita recuperar todo o que sexa recuperábel.
No momento en que se crea Sogama... a imitación de modelos preexistentes creou limitacións importantes? É dicir, se cadra as características específicas de Galiza, por exemplo a dispersión, facían necesario un plan distinto...
Hai unha cuestión clave, que é que cando o Parlamento Europeo dita unha normativa, deixa aberto o camiño para que os territorios a adapten a súa especificidade. E Galiza ten unha particularidade que a fai case única: o elevado número de núcleos de poboación, a metade dos que ten todo o Estado. O plan que no seu momento se fixo debía ter considerado esa particularidade. Adaptado á nosa realidade. Se falamos de todo o proceso: recollida, transporte e tratamento, non cabe dúbida de que a recollida e o transporte nun territorio tan disperso é moi complexo polo que hai que dicir que aquí non se deseñou daquela o modelo máis axeitado e que tamén foi un erro a centralización nunha soa planta. Con todo, si puido conseguirse que por exemplo agora mesmo o 50% dos residuos que chegan o fagan a través do ferrocarril, un xeito máis sostíbel de movelos. O novo plan corrixirá esa distribución territorial, xa que prevé novas plantas. Hai que aplicar un principio de proximidade. O ideal sería que os residuos se traten no lugar de orixe e por iso nun contexto como o galego é importante facer apostas como a que agora temos en favor da compostaxe doméstica. Queremos que o rural, onde os residuos non eran un problema até que o inventou esta sociedade moderna e do desbaldimento, tamén se implique neste cambio de concepcións.
As plantas de tratamento deben estar o máis perto posíbel de onde se producen os residuos. Por tanto, o novo plan vai redistribuír isto e Sogama vai axudar a estruturar ese escenario. Coas plantas actuais e futuras hai que apostar por recuperar a materia orgánica, que é outra forma de facer reciclaxe. Os cidadáns tamén temos que facer unha boa separación en orixe,
Que modelo de referencia, europeo ou mundial, destaca vostede no ámbito do tratamento de residuos?
Existen moitos modelos, malia que ningún ideal. A cuestión, como dicimos, é adaptalo ás particularidades de cada sociedade e territorio. E nese sentido, o noso país amosa unhas condicións moi diferentes a calquera outro na UE. Estamos revisando todos os posíbeis. Un primeiro paso importante será internalizar a situación, facelo como sociedade, ser conscientes de que son "os nosos residuos", os que nós producimos, porque a partir de aí será máis doado virar desde a sociedade do "usar e tirar" cara a prácticas máis sostíbeis. O problema non comeza simplemente cando unha persoa vai tirar algo ao lixo, senón que comeza antes, cando vai mercar un produto. A produción debe ser máis sostíbel e respectuosa, partindo da elaboración de envases que sexan menos dificultosos de recuperar. Tamén temos que evitar as prácticas modernas e os usos irracionais derivados do elevado consumo de plásticos, e teremos que influír tamén nas compras sostíbeis, rexeitando malas prácticas e apostando por outras mellores, desde cousas tan cativas como renunciar ás bolsas de plástico de sempre e mudando por outras reciclábeis.
Por iso, en Sogama incidimos cada vez máis nas campañas de concienciación, sensibilización e formación. E orientámolas a un público obxectivo prioritario: os escolares. Porque é unha forma rápida de notar o impacto, vermos como eses rapaces pasan a ser embaixadores nosos dentro das familias, propoñendo outras formas de facer as cousas, sensibilizándose desde novos. A partir de aí todo será moito máis fácil.
E nesa liña de modelos de referencia, non só onde mirar, senón tamén ofrecendo aos demais para que miren, en que liña se están explorando oportunidades de colaboración con outros países, como por exemplo recentemente en Romanía?
No que lle toca á cooperación ao desenvolvemento nós intentamos prioritariamente aprender de todos e á vez ensinar e, á fin, explicar o xeito para que os demais poidan aprender dos nosos erros.
En Romanía lideramos un proxecto de irmandamento cunha rexión moi similar en superficie e poboación a Galiza, tamén con moita dispersión no territorio, e nós queremos contarlles o que fixemos aquí, comezando por indicarlles cales son os erros que non deben cometer. Teñen un alto déficit en infraestruturas, aínda que tamén unha produción aínda pequena de residuos que, evidentemente irá aumentando a medida en que se incrementen os indicadores de riqueza do país. Nós insistímoslles en que fagan un tratamento axeitado ás súas necesidades e en que comecen por aplicar criterios racionais e de sustentabilidade desde o principio. Van recibir, igual que pasou aquí, importantes inxeccións económicas, polo que nós subliñámoslles que non caian nas mesmas trampas. Se agora planifican con coidado e cun horizonte longo será máis probábel que o sistema funcione correctamente.
Ao fío deses erros que quedaron no camiño, probablemente un dos máis evidentes é o macrovertedoiro cercedense da Areosa, onde dende hai máis dunha década se acumulan milleiros de toneladas de lixo. Hai algunha data prevista para o peche e rexeneración da zona?
Nesta nova situación, coa nova política de residuos do Goberno e co novo plan que ten un horizonte en 2017 e que se está empezando a executar, queremos pasar á situación inicialmente deseñada a un escenario completamente diferente. E nese camiño, seguimos recibindo toneladas de residuos diariamente que é necesario tratar. Por iso, neste proceso imos mellorando o sistema actual pero xa cambiando a tendencia cara ao futuro, para que se produza esa viraxe. Iso leva tempo. Neste momento, o volume de residuos que recibimos de 284 concellos necesitan ser tratados, e nós facémolo seguindo estritamente coa normativa, nun marco moi claro que segue a liña da redución, reutilización, reciclaxe, valorización enerxética e vertedoiro. Non pode facerse noutra orde, pero outra cousa será poñer a base para que o destino final, se non hai outra opción, do vertedoiro, sexa o máis pequeno posíbel. Agora mesmo acumúlanse aí pero porque non hai outros sistemas de tratamento dispoñíbeis. O novo plan xa se concibe pensando niso.
E que prazo se marcan nese camiño... podemos falar dun escenario nunha década por exemplo, onde ese plan de residuos que conta cun principio de acordo cos ecoloxistas, xa dea os froitos?
Hai que ter en conta un dato. Na Unión Europea agora mesmo máis do 50% dos residuos trátanse en vertedoiro. Iso é a realidade, e fronte a ela todos os estados membros traballan xa para que iso sexa a última opción. Antes a meta era desfacerse deles e punto, e agora o que estamos mirando é que se aproveite todo o posíbel. Un exemplo co propio vertedoiro: agora mesmo, e pensando que hai residuos amoreados desde hai unha década, a medida que se vai pechando unha parte, comezamos co aproveitamento do biogas producido polo vertedoiro para producir electricidade. Á fin, é unha peza máis de axuda na loita contra o cambio climático baseada en enerxía renovábel.
A xente ten asociado vertedoiro cos clásicos recantos incontrolados que había polos montes adiante. Isto é outra cousa: un sistema de tratamento perfectamente regulamentado e con todas as garantías de xestión ambiental. Coa planta de pretratamento conseguiremos tratar moito do que aló chega. Un obxectivo inmediato é aproveitar todos os residuos orgánicos, realizando un tratamento de calidade co que consigamos un compost de calidade. Por isto, eu son optimista, e penso que na vixencia do próximo plan de residuos todo vai cambiar moito, comezando por esa mellora do tratamento de residuos en proximidade e o incremento da implicación cidadá.
E na medida en que un dos grandes problemas comeza na propia cidadanía. A xente está concienciada de que o seu papel é fundamental para o tratamento de residuos?
Avanzamos cada vez máis. A concienciación ambiental en xeral medra e vémolo con temas como o do cambio climático. Segundo os estudos que nós facemos, cada vez máis hai unha preocupación tamén no ámbito dos residuos, pero onde máis o estamos percibindo é en campañas concretas que facemos como é a da compostaxe doméstica, unha excelente solución que necesita máis percorrido no rural. Nas vivendas unifamiliares do rural pode conseguirse que o 50% do lixo que se produce, que é orgánico, se transforme nun abono natural, axudando a eliminar fertilizantes químicos. En colaboración con colectivos cidadáns e asociacións ecoloxistas estanse conseguindo importantes avances, implicando ademais aos concellos, que non poden quedar á marxe da xestión dos residuos simplemente asinando un contrato con Sogama e esquecéndose despois. Os concellos acaban vendo á fin que coa implicación contribúen a dar mellor servizo público e ademais reducen a súa factura.
Máis aló do que poidan facer os cidadáns a título individual, que pensa vostede do compromiso das empresas coas boas prácticas ambientais, están mal acostumados?
Procedemos dun modelo en xeral de malas prácticas, do propio sistema produtivo, moito menos responsábel do que podería ser en moitas ocasións e producindo residuos moitas veces innecesarios. Pero é significativo ver como as propias empresas se están dando conta de como se realmente incorporan voluntariamente sistemas ambientais, respectando regulamentos e certificacións determinadas, iso acaba influíndo directa e positivamente nas súas contas de resultados. Se fan un uso prudente e racional no consumo de enerxía e auga, por exemplo, iso tradúcese ao final en beneficio económico. O feito de que á hora de gañar concursos fronte a empresas maiores ou diante da propia administración, teñan que respectar este tipo de criterios, tamén o facilita. En conxunto, iso axuda a que máis empresas fagan ese esforzo e afonden nesas prácticas.
Falando de implicación pero noutro sentido, algúns concellos están en Sogama pero miran para outro lado á hora de pagar as facturas. Que medidas se van tomar ou se están tomando? A entrada do presidente da Fegamp no Consello de Administración de Sogama fará avanzar na relación cos municipios?
A toma de posesión no consello do presidente da Fegamp é un paso moi importante, na medida en que significa unha voz directa en representación dos 274 municipios cos que ten acordo Sogama. Xa desta primeira aproximación xurdiron compromisos de futuro a prol da mellora na prestación destes servizos públicos.
Por outro lado, si é certo que existe un problema que non termina de corrixirse. Son poucos concellos pero representa un peso importante a súa débeda con Sogama. Eu non alcanzo a comprender como algún concello decide non cobrarlle a taxa do lixo aos veciños, pero máis complicado aínda é de entender que os veciños si paguen esa taxa ao concello, e que á súa vez este non lla pague a quen lla trata, neste caso Sogama. A lei de bases de réxime local di claramente que a recollida, transporte e tratamento é responsabilidade municipal. Dificilmente vai poder mellorarse a xestión sen os ingresos correspondentes e xa algún aviso se fixo chegar. Porque no momento en que se rescindise o contrato, o concello atoparíase cun problema derivado da falta de asunción das súas responsabilidades. Cónstame que, aínda que lento, está facéndose un esforzo. Hai concellos cunha débeda histórica e problemas para pagar, pero estanse dando toda clase de facilidades.
Sogama é unha empresa pública, pero alén dunha valoración con criterios estritamente empresariais, haberá unha preocupación porque sexa o menos deficitaria e o máis rendíbel posíbel?
Como dixen antes, a prioridade á miña chegada foi a integración de criterios ambientais reais en Sogama. Interésanos que sexa unha xestión empresarial sostíbel, desde o punto de vista ambiental pero tamén desde a perspectiva económica e social. Por exemplo, cando eu cheguei atopeime cun problema importante de conflitividade laboral. Eu teño que felicitar o comportamento do colectivo de traballadores que froito do diálogo contribuíu a poder avanzarmos xuntos, baixo criterios de responsabilidade común, na procura da estabilidade necesaria e na comprensión do servizo público que prestamos. E por outra parte, en canto aos veciños dos concellos limítrofes, hai que destacar a solidariedade co resto do territorio: a maior parte dos residuos do país converxen aló, sendo inevitábeis as molestias causadas no movemento destes residuos.
Desde o punto de vista económico é unha empresa público-privada e que polo tanto debe buscar a autofinanciamento. Desde a miña chegada, o esforzo vai en dirección a non ter que pedir axuda dos orzamentos xerais da Xunta: queremos autofinanciarnos. Se temos os beneficios económicos que poidamos ter, serán sempre para mellorar o servizo que prestamos. Como representante da Xunta na xestión desta sociedade iso é o que me move. Queremos que sexa un exemplo de sostibilidade, de equilibrio económico, social e ambiental.
Por que non hai máis empresas de reciclaxe aquí, non son rendíbeis? Hai un nicho de emprego pouco explotado neste ámbito?
Hai exemplos que permiten pensar que iso está cambiando, e que hai proxectos de éxito neste campo. Temos por un lado un esforzo que todos facemos nunha aposta polas prácticas sustentábeis, desde o propio cidadán que separa en orixe axudando a poñer en valor eses residuos. Por outra parte, a propia revisión da estratexia comunitaria de prevención e reciclado de residuos di que o problema dos residuos pode ser oportunidade para xerar riqueza e emprego.
A miña sorpresa é que cando chego vexo que malia o esforzo que se fai por exemplo na clasificación de envases, iso termina, poñamos por caso, en comunidades autónomas do Mediterráneo. A cuestión: se iso é negocio lonxe de nós, co problema engadido do transporte, é lóxico que tamén sexa negocio aquí. Un exemplo concreto e significativo: Cando apostamos porque se faga xestión dos residuos en orixe coa compostaxe doméstica atopámonos cos composteiros, os colectores usados, importábanse de Austria, Italia e outros países. Agora mesmo, xa hai empresas no noso país que están apostando pola reciclaxe e que reciclan residuos plásticos variados, por exemplo, as redes de pesca ou as cunchas dos mexillóns. Por iso, podemos dicir con satisfacción, que por fin temos composteiros galegos, feitos a partir da reciclaxe de redes e con mestura de cuncha de mexillón. É un exemplo de como pechamos o ciclo.
As conexións que estamos estabelecendo entre tecido empresarial, universidade e outras partes da administracións van nesa liña. Estamos facendo apostas firmes polo I+D+i e participamos en foros diversos, entre os máis importantes, a Plataforma Tecnolóxica Galega polo Medio Ambiente, que teño o honor de presidir, e tamén a Plataforma Tecnolóxica Galega da Enerxía. Nese contexto, iremos traballando en experiencias piloto diversas. A situación non pode cambiar dun día para outro, leva un tempo, a sociedade ten que concienciarse pouco a pouco e iremos dando pasos. Pero percibimos que desde o ámbito empresarial hai cada vez máis empresas que queren apostar por este futuro, por novas actividades en sectores emerxentes. E diante das empresas que se queiran dedicar ao sector medioambiental, desde logo, a Sociedade Galega do Medio Ambiente quere actuar como motor. Podémolo facer en moitos aspectos, por exemplo no ámbito da cooperación exterior, servindo de ponte para que empresas galegas poidan competir en igualdade con outras de toda Europa.