Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O TRATAMENTO DO LIXO

Sogama, de esperanza verde a macrovertedoiro

Logo do contundente informe do Consello de Contas, os nacionalistas piden un cambio radical na xestión dos residuos urbanos.

Redacción - 20:00 18/09/2007
Vista aérea do complexo de Sogama en Cerceda

Vista aérea do complexo de Sogama en Cerceda

O Consello de Contas confirmaba no seu último informe o que moitos sospeitaban dende hai anos, o modelo de Sogama fai augas por todas partes. O documento fiscalizador, que se fixo público o pasado mes de xullo, cuestionaba seriamente a xestión da sociedade. Agora, a deputada nacionalista Ana Pontón vai levar ao Parlamento unha serie de preguntas para ver que medidas se van tomar ao respecto.

Dende o BNG falan abertamente de “despilfarro” de recursos públicos e de falta de planificación da anterior Xunta. En 2004, a planta de Sogama, no municipio coruñés de Cerceda, recibiu máis de 760 mil toneladas de lixo e só foi quen de tratar 500 mil. A diferenza de refugallo acumúlase no macrovertedoiro da Areosa, emprazado no mesmo municipio. É dicir, Sogama tamén cobra por un tratamento que ao final non se lle dá a unha parte do lixo.

“Excesiva dependencia” de Unión Fenosa

Pontón lembrou que o Consello de Contas xa alertou en xullo da “excesiva dependencia” de Unión Fenosa (a eléctrica ten o 49% de Sogama e a Xunta o 51). Este feito tradúcese en vicios de contratación e de uso abusivo do procedemento negociado. Este contratos fixeron que a facturación do grupo Unión Fenosa se incrementase entre 2001 e 2004 do 19,4 ao 40% do total.

Diante de todo isto, dende o BNG pídenlle á Consellaría de Medio Ambiente que teña moi en conta as recomendacións do Consello de Contas: “É importante que sexamos capaces de dar un cambio á xestión de residuos de cara a eliminar a incineración e ir cara a comarcalización. Hai que reducir os residuos, actuar sobre os que están producindo e aposta pola reciclaxe e compostaxe”, manifestou Ana Pontón.


5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: