A canción do verán galega representará o noso país no eurofestival das linguas minorizadas Liet-Lavlut, que terá lugar na cidade de Luleå.
Cartel do certame
O grupo gañador do premio do xurado de A Polo Ghit 2008 será o representante de Galiza no Liet-Lavlut, o festival europeo da canción en linguas minorizadas. A edición deste ano terá lugar o 18 de outubro en Luleå, capital da Laponia sueca, organizada pola comunidade Sámi, gañadora do anterior certame.
No caso de que a formación vencedora non poida, por algún motivo, asistir ao festival, cualificado como o Eurovisión das linguas minorizadas, o premio recaerá na seguinte clasificada. Ademais, durante o outono, a Rede Galega de Música ao Vivo contará cunha minixira A Polo Ghit, da que xa se irán coñecendo máis detalles.
Entre tanto, oito novas cancións súmanse ao concurso. A xa estreada o venres A sardiñada, de Los Santos; Crisis 2008, de Santa Crisistina; Churrasco, dos Juanito Broders; P.A.Q.U.I.Ñ.A, de 8bit Crushers; Berro, de Marxe Eskerda; Metro sexual, de Manolo Abuín; Ese Dios teu, de Lizard Crash, e Punteirolo pola escuadra, de Trapos Sucios.
Unha semana máis, a variedade de estilos é a característica dos temas que participan en A Polo Ghit, concurso que xa conta co maior número de candidaturas da súa historia: 53. Na web do concurso pódense escoitar, votar e comentar.