Estas son, polo de agora, as solicitudes recibidas polo Goberno Galego, para optar ás concesións eólicas. Os megavatios que finalmente se van adxudicar son só 2.325.
A Xunta recibiu, polo de agora, un total de 75 solicitudes, por parte doutros tantos grupos empresariais, para optar ao concurso eólico. Isto supón máis de 20 mil megavatios (case dez veces máis do que se han adxudicar, 2.325), segundo informacións facilitadas esta segunda feira polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco (BNG).
Blanco tamén revelou que, aínda que a convocatoria xa está pechada, seguen chegando solicitudes, e que neste concurso participan aínda "moitas máis empresas" do que 75, posto que entre os proxectos recibidos hai casos que van de compañías que concorren en solitario, até agrupacións de "máis de 10 empresas".
En canto ao tempo que vai estar aberto o concurso, Blanco adiantou que a documentación ha estar analizada "en tres meses e medio ou catro meses", con vistas á adxudicación dos 2.325 megavatios. Blanco volveu reiterar que non se lle vai dar prioridade aos proxectos con capital galego, senón aos mellores. Estes, segundo o conselleiro nacionalistas, han crear tres mil postos de traballo que axudarán, segundo dixo Fernando Blanco, "a que os galegos vivan mellor".