A Consellaría de Industria considera que os recursos de Endesa e de Enerfín non teñen validez.
A comezos de 2009 producirase a adxudicación dos novos parques eólicos. Un proceso que se iniciará a próxima semana, unha vez que o Diario Oficial de Galicia publique a orde onde se desenvolve o novo decreto para a convocatoria de concurso público. En xogo está a instalación a curto prazo de até 2.345 MW.
Diante dese proceso, a Consellaría de Industria recibiu cadanseu recurso por parte de Endesa e Enerfín, ademais de dous escritos de alegacións asinados por Gamesa e Montouto 2000. As empresas argumentan en contra de que caducasen os proxectos eólicos que lles concedera o anterior executivo, liderado polo PPdeG. Ao respecto, desde Industria prognostícanlles que non terán éxito, indicando que "formalmente non son válidos", porque se refiren a unha notificación, a que a consellería lles envío o pasado mes de xaneiro, cando, en cumprimento do novo decreto do sector, se lle avisou ás empresas que o seu plan eólico empresarial estaba "rematado en prazo". "Estes textos teñen un defecto de forma, porque están recorrendo unha notificación e non un recurso", expoñen desde o Goberno.
Desde a patronal eólica explican que o patexe destes empresarios é unha decisión individual no seu caso, indicando que o colectivo que os agrupa acordou "non xudicializar o asunto", pero dando liberdade aos asociados para que tomasen a decisión que considerasen máis oportuna.