Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Fluxos migratorios e culturas mixtas, unha realidade afortunada

A Directiva de Retorno deseñada pola Unión Europea é "un gravísimo erro". Achegámoslles a reflexión de Jesús A.Núñez Villaverde.

Jesús A. Núñez Villaverde - IECAH - 17:56 21/06/2008
Tags: migración ue

É xa un tópico dicir que vivimos nun mundo globalizado. En todo caso, o debate céntrase, para algúns, en determinar se o arranque dese fenómeno/realidade se produciu tras o fin da Guerra Fría, coa revolución industrial impulsada por Gran Bretaña ou cando Cristobal Colón e outros exploradores da súa talla abriron rutas que conectaban mundos ata entón alleos entre si. Lonxe do que nos anuncian os seus defensores máis interesados, o actual modelo global é claramente desigual e discriminador. Isto levou a algúns, por oposición, a manter insostibles posturas antiglobalización, sen entender que o verdadeiro reto é promover outro tipo de globalización (“outro mundo é posible”) que fomente desenvolvemento, seguridade e dereitos humanos para todos. O caso é que hoxe habitamos unha aldea global na que as fronteiras e os acenos de identidade tradicionais esvaen a un ritmo crecente.

A reacción ante este proceso é ambivalente. Para uns trátase de encerrarse en burbullas ou fortalezas inpermeábeis a toda influencia exterior, procurando recrear un pasado idílico (inexistente) no que todo era harmonía, na medida en que non estaba contaminado por factores foráneos. Proliferan así os fundamentalismos de toda clase, atizando o lume nacionalista e/ou relixioso que leva á demonización do “outro”, cando non á súa eliminación directa. Para outros, a opción pasa por admitir que o século XXI será multicultural ou non será nada. Son estes os que sosteñen que nada pode frear a tendencia xeral á mestura de xentes e pobos, senón que é necesario asumir que a positiva contaminación mutua entre os distintos é a vía preferente para atopar vías de saída a un mundo que se enfronta a retos para os que ningunha comunidade, país ou civilización en solitario ten respostas e capacidades suficientes.

Neste contexto os 192 millóns de persoas que, segundo o máis recente Informe de Poboación da ONU, residen fóra do seu lugar de nacemento deben ser vistos como un motor principal de futuro. Igual que a biodiversidade é clave para asegurar a alimentación da humanidade ante calquera traxedia global, a multiplicidade de etnias, culturas e visións individuais e colectivas capacítannos para resolver con maiores probabilidades de éxito os dilemas (comúns, por definición) aos que enfrontamos hoxe. É por esa razón pola que percibir os fluxos migratorios como un problema de seguridade, en lugar de velos como un fenómeno que hai que xestionar adecuadamente (para evitar que a súa evolución descontrolada poida desestabilizar sociedades de orixe ou de destino), é un erro que alimentan os que perciben ao outro como o inimigo a bater. Pola contra, é necesario asumir que a realidade migratoria é xa un trazo estrutural do noso tempo (en realidade, foino de todos os tempos). Nesa liña, e visto desde os países de acollida (a Unión Europea, por exemplo), é criticábel o enfoque preferentemente represivo e policial que aspira a blindar o territorio comunitario do que algúns perciben como unha nova “invasión” que nos fará perder as nosas esencias (?). Ademais, para os que xa están entre nós, apóstase pola súa asimilación, tratando de imporlles unha amnesia que lles faga esquecer quen son e que lles force a aceptar acriticamente costumes do lugar de acollida.

Por ese camiño, sobre todo se ademais se segue descoidando como até o de agora o fomento do desenvolvemento dos países de emisión, nin se logrará consolidar o desenvolvemento e a seguridade propios, nin se poderán pórlle portas a un proceso alimentado pola procura dunha vida digna.

A integración é, con diferenza, a vía a seguir. Unha vía que necesita tres carrís para chegar a bo porto. O primeiro, de carácter social, supón moverse das súas posicións de partida tanto aos que acollen como aos que chegan para construír unha nova plataforma de convivencia baseada na lei e non nos costumes. Tamén reclama desenvolver un aberto labor pedagóxico que permita destruír os mutuos estereotipos negativos sobre os que se asenta a exclusión, o racismo e a xenofobia. O segundo, de orde económica, implica eliminar calquera forma de exclusión no mercado laboral e perseguir ás mafias que trafican con persoas. O terceiro, de natureza política, demanda a igualdade de dereitos e deberes para todos no marco dun Estado que obriga e trata por igual a todos os que nel residen.

A Directiva de Retorno, que a Unión Europea está a piques de aprobar, é, se non se modifica substancialmente o borrador coñecido até o de agora, un gravísimo erro. Por unha banda, abre a porta á expulsión dos oito millóns de indocumentados que residen no seu territorio. Por outra, é unha carga de profundidade contra o Estado de dereito, ao ampliar até 18 meses a retención dunha persoa en proceso de expulsión. A cegueira que sufrimos impídenos ver que o verdadeiro problema non é que veñan; o realmente grave é que non veñan.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: