O goberno atribúelle o atentado á guerrilla Tamil, coa que rompeu unilateralmente o acordo de cesamento do fogo de 2001.
Guerrilleiras tamil
Polo menos 21 persoas morreron e outras corenta resultaron feridas este venres perto de Colombo, a capital de Sri Lanka, a causa da explosión dunha bomba cando pasaba un autobús, informou un portavoz do ministerio de Defensa.
O atentado rexistrouse ao redor das 7.30 horas local (1.30 horas en Galiza) ao carón da Universidade de Moratuwa. "Foi o LTTE (a guerrilla dos Tigres para a Liberación da Patria Tamil), por suposto", afirmou o voceiro gobernamental.
O autobús, de transporte público, circulaba pola estrada que une as localidades de Pilyandala e Kaddupeda cando estourou o artefacto, agochado entre uns arbustos e activado por control remoto, segundo o diario local The Daily Mirror.
Os Tamil iniciaron unha campaña de ataques contra os medios públicos de transporte para facer oír as súas demandas, sobre todo na capital do país. O pasado 26 de maio, sete persoas morreron e outras 60 resultaron feridas pola explosión dunha bomba colocada nun tren da capital.
Loita por un Estado independente
O grupo loita dende hai máis de dúas décadas para conseguir un Estado independente, o Tamil Eelan, nas rexións do leste e do norte do país, onde a etnia tamil é maioritaria, fronte á cingalesa que domina o resto da illa do Índico.
O pasado 16 de xaneiro, o goberno rompeu unilateralmente os acordos de cesamento do fogo subscritos en 2002 e devolveu o país ao estado de guerra, aínda que en realidade os combates entre o Exército e a guerrilla eran xa constantes. O Exército bombardeu en varias ocasións aldeas tamil, provocando ducias de mortos nos últimos meses.